Museo
buscar


ÁLVARO CEBREIRO / A SÚA VIDA

    Álvaro Cebreiro nace o 26 de maio de 1903 na rúa Linares Rivas da Coruña,  vivindo na súa infancia na cidade herculina. Foi un mozo moi reservado na súa xuventude.  Estuda na escola de comercio da cidade, ainda que nunca exercería ningún oficio relacionado con este ámbito.

    Estamos diante dun artista moi precoz, que xa en 1919 comeza a colaborar, facendo caricaturas, co periódico A nosa terra, órgano de expresión das Irmandades da fala. Á curta idade dos 16 anos publica a caricatura de Imeldo Corral, o que lle abre as portas a futuras colaboracións nos medios gráficos. A súa primeira exposición individual tería lugar, precisamente, na sala das Irmandades, en 1920.

   Nestes primeiros anos da década dos 20 traba amizade cun grupo de intelectuais galegos e portugueses: Manoel Antonio, Teixeira de Pascoaes, Ramón Cabanillas –do cal ilustrou o seu Vento mareiro-, etc. Persoeiros que ficarían maxistralmente caricaturizados por Cebreiro. Son anos de traballo intenso e de participación en diferentes publicacións: colabora coa revista Mondariz; é redactor artístico de Alborada; ilustra exemplares da editorial Céltiga, da colección Libredón e de Rexurdimento. En xuño do ano 1922 participa nun feito importantísimo no eido da vangarda galega:  O manifesto máis alá, asinado conxuntamente por Álvaro Cebreiro e Manoel Antonio. Neste texto, poeta e debuxante, comprométense cunha postura estética de ruptura e renovación, «un ceibamento do pasado», e cunha busca de novos camiños na expresión artística e literaria, no que nos amosa o seu compromiso coa vangarda artística e cultural da época:

«Agora cómprevos dicir, mozos da nosa Terra,
se pensades seguir indo costa abaixo polo tempo
ou encarados co porvir. Se queredes liberarvos do
xerme da vellez e da morte. Se queredes adornarvos
da vosa mocidade ou seguir sacrificándoa nun altar
de Mitos e Fracasos. Cómpre romper a marcha pola
mesma estrada que fagamos cos nosos pasos e afrontar
nela unha pelegrinaxe sen chegada, porque en cada
relanzo do camiño agárdanos unha voz que nos berra:

«¡Máis alá!»

    Ao ano seguinte, fúndase en Lugo a revista artística Ronsel, da que Cebreiro será director artístico, e na Coruña Alfar, na que será colaborador habitual. Son anos de colaboración en prensa xeral e en pequenas publicacións culturais: As Roladas, Prisma, Gráfica, Rexurdimento, la Concordia, El Pueblo Gallego. En 1927 colabora en El Sol, un dos xornais de máis tirada en Madrid. Unha das súas creacións en prensa  máis significativas foi a que mantivo coa revista Vida Gallega de Vigo, para a que fixo as súas portadas ao gouache. Labregos e picariños con pucha (imaxes que nos recorda a el na súa nenez e xuventude) son os protagonistas das súas historietas.

   Por estes anos, Cebreiro inicia unha especial relación cun grupo de intelectuais portugueses, algúns deles exiliados por un tempo na Coruña. Destas verdadeiras e fondas amizades cómpre destacar dous nomes, o poeta Teixeira de Pascoâes e Bernardino Machado, que fora presidente da República portuguesa, e a quen Cebreiro caricaturizou co seu esaxerado bigote. Desta época ven o amor do artista coruñés por Portugal, que conservará durante toda a súa vida. Foi traductor de moitos textos destes intelectuais do portugués ao galego, e tamén trasladou ao galego a obra de poetas de vangarda franceses como Apollinaire.

   En 1928 viaxa a París para completar a súa formación artística. Alí pasa un ano aprendendo (lembremos que aínda tiña 25 anos, a pesar do seu extenso currículo), e chega a publicar varias ilustracións. Vai a París a aprender a pintar, mais acaba traballando de debuxante durante máis dun ano. O estancia na capital francesa vai influir na súa forma de debuxar; en especial, á súa amizade co xaponés Foujita, o cal deixa unha fonda pegada en Cebreiro.

   Durante os tempos da II República  segue a colaborar con diferentes publicacións, movéndose nos círculos republicanos da cidade herculina. Vai estar moi vencellado ao taller de Luis Huici, onde se reunía un grupo de intelectuais nun faladoiro, no que Cebeiro coincidiu con Luís Seoane e Lugrís. Foi un recoñecido debuxante de carteis por estas datas, chegando a gañar o premio do Concello da Coruña. En 1934 participa na fundación da Asociación de Artistas da Coruña.

A partir da guerra civil, comeza un longo período no que Cebreiro non publica debuxos. Moitos dos seus amigos se exiliaron e outros foron asasinados. Liquidados Huici e Abad Conde, e exiliado Seoane, fica nun difícil exilio interior do que non sairá ata mediados os anos 40 (nove anos de silencio artístico no contexto da máis dura posguerra e represión fascista). En 1949 reaparece como artista no certame Cien años de arte en Galicia. A partir de 1950 comeza a colaborar no xornal El Ideal Gallego, facendo a tira de humor. Chégalle o recoñecemento de novo, sendo considerado un dos humoristas gráficos sobranceiros da plástica galega.

 Na década dos 50 aparece en diferentes certames artísticos e é nomeado, en 1953, académico na Real Academia Provincial de Belas Artes da Coruña. En 1954 xurde unha publicación nova, cun certo aire de apertura tras a longa posguerra. Trátase da revista Atlántida, na que Cebreiro vai colaborar con Urbano Lugrís e co seu íntimo amigo e biógrafo Mariano Tudela. En novembro dese mesmo ano reaparece Vida Gallega, que volve a contar con Cebreiro. Nestas iniciativas, sen dúbida gratificantes para el polo que significaban de rachar cun contexto onde a expresión galeguista fora totalmente anulada, non puido participar moito tempo.  Álvaro Cebreiro morre en 1956, á idade de 53 anos, tras unha longa enfermidade pulmonar.  Deixábanos pois, o "engado e frol das mariñas", como lle dixo don Ramón Otero Pedrayo:

 «Ese amigo que gardaba un aire moi seu, e de poeta, de mariñeiro en terra; sempre disposto a embarcare e que sempre deixa ire o barco por a ledizosa priguiza do porto»


CARICATURAS DE CEBREIRO FEITAS POLOS SEUS AMIGOS

      Bendaña                   Luis Quintas Goyanes              Ramón Torrado

          Bendaña                       Quintas Goyanes            Ramón Torrado             

 

     Gonçalves           Filipe Guillerme

        Gonçalves              Filipe Guillerme

 

PORTADA / A SÚA OBRA  /  CARICATURASPARA SABER MÁIS 

volver

 

 

ACHÉGATE

Visitas escolares

Percorridos educativos

INFORMACIÓN

Museo de Belas Artes da Coruña

Rua Zalaeta s/n 15002 A Coruña Tlf: 881 881700 Fax: 881 881701

contacto

Álvaro Cebreiro

Portada

A súa vida

A súa obra

Caricaturas

Humor gráfico

Para saber máis

Rua Zalaeta s/n 15002 A Coruña
Tlf: 881 881 700 Fax: 881 881 701
mu.belas.artes.coruna@xunta.es
© Copyright 2008-2009. Museo de Belas Artes da Coruña. Reservados todos los derechos.