Museo
buscar



EXPOSICIÓNS / HISTÓRICO

A Doazón de Manuel Santiago Blanco e Carolina González Abad A Doazón de Manuel Santiago Blanco e Carolina González Abad

OS DOANTES

No verán do 2004,  dona Carolina González Abad asinaba un acordo para doar ao museo a colección de arte que formara xunto ao seu marido, don Manuel Santiago Blanco, durante case tres décadas. Consumábase así un dos feitos máis importantes da historia recente do Museo de Belas Artes da Coruña, dada a relevancia e significación da colección.  A través deste espléndido xesto, que  demostra un compromiso cívico digno de admiración, o museo completa, mellora e amplía a súa colección dun xeito significativo.

Desde ese verán de 2004, moitas das obras que coleccionaron Manuel e Carolina, con tanta sensibilidade e paixón, expóñense nas salas do museo. Outras moitas, debido á falta de espazo ou ao difícil encaixe no discurso expositivo, agardan a ser mostradas na reservada propia entidade,  aínda que todas elas son merecedoras de ser amosadas ao público.

Santiago e Carolina comezan a adquirir obra a finais dos anos 60, e paseniño van formando unha importante colección, coa plástica contemporánea galega como eixo fundamental, aínda que non como criterio excluínte. Don Manuel Santiago Blanco foi un home de letras, fundador da Academia Séneca da Coruña, gran lector e coleccionista de arte e libros. Trátouse dun home de grande sensibilidade artística, sendo un dos pioneiros do coleccionismo privado en Galicia. Ao longo da súa vida fixo un importante esforzo económico e intelectual, que lle permitiu contar con obras dos artistas máis sobranceiros da arte do século XX en Galicia. Para esta labor de coleccionista, contou sempre coa complicidade, colaboración e apoio da súa muller Carolina.

Cando morre o seu home, en 1997, Carolina empéñase en cumprir o desexo do seu marido de legar á colección a un centro público para que os cidadáns teñan acceso a ela, para que os coruñeses podan se deleitar coa contemplación das obras, tal e como ela e máis o seu marido facían. No Museo de Belas Artes da Coruña temo a responsabilidade e o pracer de coidar e expoñer estas obras.

A COLECCIÓN

O feito de formaren unha colección de arte en Galicia, como fixeron don Manuel e dona Carolina, non é moi habitual. Ao longo dos anos foron moi puntuais os casos de coleccionistas particulares de arte, sendo as institucións oficiais e as fundacións privadas os que formaron as maiores coleccións.

A finais dos anos 60, cando comezan a súa colección, o mercado da arte en Galicia era moi limitado. Manuel e Carolina comezan a súa colección na Coruña, comprando un cadro de Tomás Barros. A partir desta primeira data, van incrementando os seus fondos seguindo un criterio no que predomina a pintura coruñesa e galega do século XX, contando con representantes de varias xeracións. Ademais adquiren obra doutros artistas destacados do panorama español. En canto as técnicas, a colección presenta unha importante variedade: óleos, acuarelas, gravados, etc. Os temas que máis se repiten son os bodegóns, as mariñas e os cadros onde aparece a figura humana feminina. Por último, subliñar a presencia dun modesto número de esculturas de gran calidade.

Na colección está moi ben representada a xeración dos Renovadores, artistas nacidos no primeiro tercio do XX, e que transformaron profundamente a plástica galega, a través dunha interpretación en clave galega da arte de vangarda: Luís Seoane, Arturo Souto, Manuel Colmeiro, José Otero ‘Laxeiro’ e Manuel Torres Martínez.

Outra parte significativa da colección  fórmana as obras de artistas galegos –os máis, coruñeses - da segunda metade do XX. Hai dúas vertentes: o naturalismo e a abstracción. No primeiro capítulo temos a Tenreiro, Lago Rivera, Mampaso, Alejandro Pascual, Felipe Criado e Alfonso Abelenda. Os abstractos representados son: Luis Caruncho, Reimundo Patiño, Xosé Lodeiro e Manolo Ruibal.

  As mulleres que destacan na plástica galega da segunda metade do XX, como Maria Antonia Dans ou María Victoria de la Fuente, tamén están representadas na colección, feito que exemplifica o eclecticismo e a orientación con que esta se fixo. As dúas obras responden á tendencia neofigurativa dos 70, igual que as de Xaime Quessada, José Luis de Dios, Alfonso Sucasas, Xulio Maside e Pérez Bellas.

A colección tamén conta coa presenza de obras de artistas de fora de Galicia, coetáneos aos pintores galegos representados. A orixe, a temática e o estilos on moi variados: Benajamín Palencia, José Beulas, Álvaro Delgado, Francisco Mateos, Hernando Viñes, Cirilo Martínez, Emilio Grau, Manuel viola, Orlando Pelayo, Antonio Saura, Antonio Valdivieso, Xavier Valls, Adolfo Estrada, María Carrera, Pedro Sobrado e Daniel Merino.

Por último, subliñar que don Manuel Santiago e dona Carolina González enriqueceron os seus  fondos con esculturas de Cristino Mallo, Buciños, Leopoldo Nóvoa e Pablo Serrano, completando así unha colección que non tivo parangón na época na que se formou, dentro do ámbito privado en Galicia.

ACHÉGATE

Visitas escolares

Percorridos educativos

INFORMACIÓN

Museo de Belas Artes da Coruña

Rua Zalaeta s/n 15002 A Coruña Tlf: 881 881700 Fax: 881 881701

contacto

Carolina González Abad

Na memoria

A doazón

O catálogo

Galería

Rua Zalaeta s/n 15002 A Coruña
Tlf: 881 881 700 Fax: 881 881 701
mu.belas.artes.coruna@xunta.es
© Copyright 2008-2009. Museo de Belas Artes da Coruña. Reservados todos los derechos.