Museo
buscar



EXPOSICIÓNS / NOTICIAS

21/11/2016

O paraíso fragmentado de Manuel Vilariño

NOVO DEPÓSITO

O PARAÍSO FRAGMENTADO

DE MANUEL VILARIÑO



25 de novembro de 2016

Mañán: Presentación á prensa

20:00h: Conferencia Fernando Castro Florez.
O paraíso fragmentado de Manuel Vilariño



O 25 de novembro de 2016 terá lugar no Museo de Belas Artes da Coruña a presentación da obra O paraíso fragmentado, unha peza monumental do fotógrafo Manuel Vilariño, ofrecida polo propio autor en calidade de depósito. Este feito, ademais de avalar a incipiente sección de fotografía do museo, supón para esta institución unha oportunidade única de posuír e exhibir unha obra fundamental dentro do panorama artístico actual, seleccionada para formar parte da Bienal de Venecia de 2007, e realizada por un dos nosos máis reputados e internacionais fotógrafos.

 
A obra de Manuel Vilariño O paraíso fragmentado
(1999-2003), un dos proxectos máis emblemáticos da súa produción artística, é un monumental políptico construído a partir de quince fotografías de idénticas dimensións que, asociadas entre si, producen unha composición que case que podería parecernos abstracta, pero que, en realidade, manexa os mesmos elementos a que nos ten acostumada a súa fotografía: animais mortos, manipulados e asociados a outros obxectos cunha clara intencionalidade estética, mentres reflexiona sobre aspectos como a vida, os ciclos vitais e o sentido do tempo, a través da súa apaixonada observación da natureza. E é que o tema da morte é esencial na súa produción artística, dotado de tal carga de melancolía que a súa contemplación resulta moitas veces inquietante.

 A peza, presentada na Bienal de Venecia no ano 2007, formou parte da exposición titulada Mitoloxías, unha retrospectiva do fotógrafo coruñés, Premio Nacional de Fotografía en 2007, que incluía trinta obras realizadas na súa terra natal ao longo da súa vida, e que presentaba un percorrido pola súa particular visión de natureza: os animais, as plumaxes das aves, as escamas dos réptiles, os bodegóns, as paisaxes, as montañas, as ondas do océano e as néboas do horizonte, visións que teñen que ver coa dimensión da melancolía e a presenza sombría da morte.

A traxectoria fotográfica de Manuel Vilariño, na que conviven o branco e negro e a cor, iníciase nos anos 80 como un continuado intento de fusionar valores da natureza con aspectos de cariz cultural, nun panteísmo obxectual que oscila entre os extremos do relixioso e o profano, do sagrado e do proscrito. O seu interese pola poesía, os místicos, e os discursos filosóficos, transitan entre as luces e as sombras da súa concepción da fotografía como unha posta en escena das entrañas e profundidades do pensamento poético. Nocións en torno ao límite, o sagrado, o sublime, ou a soidade do tempo no devir da vida e a morte, repousan nas metáforas das súas composicións, dunha beleza austera, protagonizadas por animais (lagartos, aves), acompañados ás veces doutros elementos alegóricos como caveiras, froitas, velas ou ferramentas.


CONFERENCIA

Fernando Castro Flórez: O paraíso fragmentado de Manuel Vilariño

25 de novembro de 2016, ás 20:00 horas


Para completar a presentación do novo depósito, Fernando Castro Flórez, filósofo especialista en estética, crítico de arte e profesor de Estética e Teoría das Artes da Universidade Autónoma de Madrid (UAM), impartirá unha conferencia que versará sobre esta obra do artista, tratando da particular visión de Manuel Vilariño en torno aos animais, as paisaxes, as naturezas mortas e as visións que teñen que ver coa dimensión da melancolía e a presenza sombría da morte.


Museo, noticias

ACHÉGATE

Visitas escolares

Percorridos educativos

INFORMACIÓN

Museo de Belas Artes da Coruña

Rua Zalaeta s/n 15002 A Coruña Tlf: 881 881700 Fax: 881 881701

contacto

Rua Zalaeta s/n 15002 A Coruña
Tlf: 881 881 700 Fax: 881 881 701
mu.belas.artes.coruna@xunta.es
© Copyright 2008-2009. Museo de Belas Artes da Coruña. Reservados todos los derechos.