Museo
buscar



FRANCISCO ASOREY, Filliña (1948)


             FRANCISCO ASOREY, Filliña

O AUTOR:

Asorey foi un dos máis importantes escultores galegos do século XX, figura emblemática no ámbito artístico e intelectual e artista de cabeceira da Xeración Nós.

Francisco Asorey nace en Cambados no ano 1889. Aos catorce anos, xa cunha vocación artística irrefreable, marcha a Barcelona a formarse como escultor. Neses anos recibe a influencia do modernismo e das primeiras vangardas, coñecendo a obra dos escultores máis importantes do momento, como é o caso de Rodín. Tras unha etapa en Bilbao como mestre e outra en Madrid, aséntase definitivamente en Compostela, montando un obradoiro no campo de Caramoniña (despois cambiaría este lugar polo taller de Santa Clara). Durante a década dos anos 20 a súa sona de gran escultor vai medrando. Participa en diversas exposicións e recibe importantes encargos, acadando a primeira e a segunda medalla nas exposicións nacionais de Belas Artes. O regreso a Galicia coincide cunha nova linguaxe artística, próxima ao primitivismo e que ten como referencia a tradición escultórica galega que se remonta ao románico. 

Nesta altura Asorey traballa a cotío en madeira; son tallas policromadas de figuras humanas, case sempre mulleres, vencelladas a terra e que actúan como iconas da galeguidade. Ademais emprega outros materiais como o bronce e, sobre todo, a pedra granítica tan representativa da xeografía física e humana de Galicia. Algunhas das súas obras monumentais son imprescindibles dentro da trama urbana das nosas cidades, como o monumento a Curros Enríquez na Coruña ou o monumento a San Francisco en Santiago de Compostela, entre outros.

Nas últimas décadas da súa vida acada un gran recoñecemento, mentres dá un xiro á súa producción, achegándose ao neohumanismo e facendo numerosas obras de corte relixioso. A vida de Asorey transcorre en Compostela, ao carón da súa muller, atendendo ao encargos e achegándose, nesta última etapa, á docencia. Tamén lle chega o recoñecemento, sendo nomeado correspondente da Real Academia de San Fernando, numerario da Academia de Belas Artes Nª Señora do Rosario e  académico de honra da Real Academia Galega.  Asorey morre en 1961 en Compostela, deixando un legado artístico importantísimo no ámbito da escultura, amplamente representado nos museos e nas rúas de Galicia

A OBRA:

Filliña é unha escultura de  madeira policromada feita polo artista cambadés en 1948; porén, ben podía ter sido esculpida vinte anos antes, pois Asorey reproduce nela modelos que xa empregara moitas veces con anterioridade.

Unha nena axeonllada, vestida co traxe tradicional galego, presenta unha ofrenda floral.
A rapaza leva mantelo vermello e mandil, unha camisa branca e un fermoso pano estampado que lle cobre a cabeza e as costas. Vai calzada cunhas zocas. Nas mans leva dous vasos de flores de cinco dedos de Sargadelos que lle ofrece á imaxe que ten xusto diante do peito. A talla máis pequena trátase dunha Inmaculada rodeada de flores, que porta unha longa capa azul con cruces brancas.

Ademais do xeito de vestir da rapaza, dos vasos de Sargadelos e das cores da capa da virxe que fan referencia explícita a Galicia, a faciana da nena representa o tipo ideal racial galego: os pómulos saíntes, as fazulas rosadas, os ollos claros... Características físicas que poñen en relación a obra de Asorey coa doutros artistas galegos como Sotomayor, que crían encontrar nas características fisicas un feito diferencial galego.

Estamos, pois, diante dunha  imaxe cargada de simbolismo, icona da Galicia rural e tradicional.  Por outra banda, o hieratismo da figura, a talla irregular e o propio tratamento do material remítennos ao legado escultórico dos nosos antergos.


OUTRAS OBRAS DE ASOREY NO MUSEO:









ACHÉGATE

Reapertura do Museo desde o 21 de maio de 2020

Prórroga da exposición de Seoane hasta o 20 de setembro de 2020.

INFORMACIÓN

Museo de Belas Artes da Coruña

Rua Zalaeta s/n 15002 A Coruña Tlf: 881 881700 Fax: 881 881701

contacto

Galicia, artes e letras

proposta didáctica

visita ao museo

obras do percorrido

recursos na web

recursos nos libros

descarga dossier (.pdf)

Rua Zalaeta s/n 15002 A Coruña
Tlf: 881 881 700 Fax: 881 881 701
mu.belas.artes.coruna@xunta.es
© Copyright 2008-2009. Museo de Belas Artes da Coruña. Reservados todos los derechos.