Museo
buscar



PERCORRIDO

Nivel: ESO

Duración: 1 hora e 30 minutos

Obxectivos:

- Introducir ao alumno no concepto de arte como documento histórico e como reflexo dunha determinada época.
- Comprender a relación entre os feitos artísticos e históricos.
- Aprender termos relacionados coas diferentes disciplinas e técnicas artísticas .
- Fomentar o respecto e a valoración cara ás manifestacións artísticas.
- Relacionar procesos históricos do pasado con feitos da actualidade.

Desenvolvemento da actividade
:

A través da colección de estampas de Francisco de Goya, nas que amosa con total liberdade as súas ideas e o seu mundo interior, representando feitos e situacións da época que lle tocou vivir, comprobaremos como a arte pode ser un elemento de denuncia e unha moi importante fonte histórica. Pretendemos, con esta actividade, espertar nos adolescentes unha conciencia crítica cara os conflictos bélicos, e o rexeitamento cara calquera tipo de manifestación de violencia. Á súa vez, coñeceremos os diversos procesos de creación de técnicas de gravados e estampas.

Achegarémonos á figura de Francisco de Goya a través das estampas das súas series máis importantes: Caprichos, Desastres da guerra e Disparates. Por medio destas pezas coñeceremos a importancia do gravado como medio de difusión de ideas e imaxes, e como as través destas obras Goya reflectiu as ideas ilustradas e liberais fronte ao pensamento do Antigo Réxime.

As súas estampas permiten achegarnos aos cambios que Goya introduce na arte como precursor da modernidade, ao exaltar o seu mundo interior e interpretar a realidade dende un punto de vista subxectivo. Este feito converterá a Goya no antecesor do romanticismo e nun inspirador de movementos de vangarda como o surrealismo ou o expresionismo.

Ademais relacionaranse os cadros de tema bélico e militar da colección do museo coas obras doutros artistas que foron representando o longo do tempo diferentes accións de violencia e loita armada. Este é  o caso Arturo Souto e Luís Seoane, que trataron o tema da guerra civil nalgunhas das súas creacións artísticas.

A partir da obra de Goya podemos extraer moitas lecturas e significados. Neste percorrido veremos:

- Como se desenvolveu a chamada guerra da independencia en España, coñecendo os diferentes implicados na loita.

- Como, aínda que varían os materiais e estratexias de loita empregados, a morte e sufrimento seguen moi presentes nas guerras de hoxe en día.

-Como os actuais reporteiros de guerra nos ensinan, a través de imaxes que causan impacto, a crúa realidade da guerra, como xa fixera Goya 200 anos antes.

- Como a arte, ao longo da historia, reflicte a situación social que viven os artistas e que amosan por medio das súas obras, xa que esta é a canle que os artistas consideran máis adecuada para expresar o que viven e o que senten.

- Como os artistas se inspiran e inflúen uns nos outros. Goya xa se inspirou en gravados e lenzos de artistas máis antigos que el, e o mesmo sucede a partir da súa figura, en que se toman como modelo as súas obras. Os Destrastres de Goya, e os seus grandes lenzos sobre a guerra, marcaron un antes e un despois na interpretación dos conflictos bélicos na historia da arte.

- Como un dos obxectivos principais da obra de Goya e remarcar o respecto pola vida, e como por medio dos gravados reflicte a súa visión crítica ante o mundo, e a súa crenza nos ideais liberais.

- Como a sociedade máis civilizada de calquera época pode volverse a máis bárbara, e como a pesar de que a vida de cada persoa é única e moi valiosa, nos conflictos bélicos permítese matar, escravizar ou torturar.

- Como existen alternativas á loita armada na resolución dos conflictos. Ademais veremos como nas guerras existen intereses moi dispares como o comercio de armas, as posicións políticas, o tráfico de nenos....


A arte da guerra foi escrito por Sun Tzu, un teórico militar chino do quen non coñecemos moito da súa existencia. Nesta obra amósanos que a mellor estratexia da “arte da guerra” é xustamente tratar de evitala. En momentos nos que o mundo deu unha viraxe dramática cara a violencia, cando a xente non intenta a procura de solucións sensatas, Tzu explícanos que moito máis importante que facer a guerra, é coñecer e discutir as razóns que nos levan ao conflicto e buscar unha solución. Amosa que é máis útil por en práctica a sabedoría do coñecemento da natureza humana nos momentos de confrontación.

"La imagen de la guerra hace temblar y gemir a la humanidad. Parece imposible que el hombre, naturalmente social y compasivo, haya podido degradarse en tales términos que cuente entre sus leyes esas depredaciones atroces, esas crueldades horribles que siguen a las batallas, y convierten la tierra en un caos de crímenes y calamidades”.

[Elogio de los buenos españoles que han muerto em esta guerra. Javier Blas Benito, Murcia, 1809]


Como punto final a visita, realizarase un obradoiro onde o alumno ten que escoller un gravado de Goya e transformalo por medio de diferentes técnicas, como a aplicación de cores e o collage. Artistas universais como Dalí e creadores contemporáneos de grande prestixio como os irmáns Chapman, inspiráronse na obra de Goya para denunciar conceptos como a violencia, o abuso de poder, a desigualdade... Isto mesmo terán que facer os alumnos,  tratando ademais problemas que atinxen á xuventude, como as drogas, a soidade, a anorexia, a exclusión, o desemprego, a discriminación, etc.

ACHÉGATE

Visitas escolares

Percorridos educativos

INFORMACIÓN

Museo de Belas Artes da Coruña

Rua Zalaeta s/n 15002 A Coruña Tlf: 881 881700 Fax: 881 881701

contacto

Rua Zalaeta s/n 15002 A Coruña
Tlf: 881 881 700 Fax: 881 881 701
mu.belas.artes.coruna@xunta.es
© Copyright 2008-2009. Museo de Belas Artes da Coruña. Reservados todos los derechos.