Museo
buscar



OS GRAVADOS DE GOYA


Tipo de Visita Visita comentada

Nivel ESO (Recomendado para 3º e 4º)

Duración 45 min / 1h 30min


Obxectivos

- Achegarnos ao universo creativo e ao significado da obra dun dos artistas máis importantes da plástica española e europea como é Francisco de Goya
- Introducir ao alumno no concepto de arte como documento histórico e como reflexo dunha determinada época, neste caso da etapa crucial que supuxo o paso do Antigo Réxime ao sistema liberal
- Coñecer o procedemento creativo e as posibilidades expresivas e estéticas da técnica do gravado
- Comprobar como a arte é unha ferramenta moi importante para expresar ideas propias e como plataforma de denuncia das inxustizas
- Fomentar o respecto e a valoración cara ás manifestacións artísticas


Desenvolvemento da actividade

Achegámonos á figura de Francisco de Goya a través das series de gravados que conserva o Museo de Belas Artes: Reproduccións dos cadros de Velázquez, os Caprichos, os Desastres da guerra, os Disparates e a Tauromaquia.

Comezamos o percorrido comentando os gravados que fixo Goya copiando os cadros de Velázquez. Foi a partires dese encargo real, que Goya aprende a técnica e comeza a usar o gravado como un vehículo fundamental da súa expresión artística.

Explicamos quen era Goya, como foi a súa traxectoria e que transcendencia terá para todos os artistas que virán despois. Tamén falaremos de como é a técnica do gravado e a importancia que tivo como plataforma para difundir imaxes.

Os Caprichos representan unha visión crítica en clave irónica da sociedade do Antigo Réxime. Goya fai, a través destas estampas, unha denuncia dos costumes sociais da época, na que se reflicte a súa defensa da ilustración e a súa ideoloxía liberal. Así, vemos como denuncia a ignorancia (Si sabrá más el discípulo), as supersticións (Lo que puede un sastre), os privilexios e malos costumes do clero (Están calientes), a crueldade da inquisición (Aquellos polbos...), os abusos dos poderosos (Se repulen) , a miseria material e moral (A caza de dientes), a falta de liberdade das persoas (No hay quien los separe) ou os matrimonios de conveniencia (El si pronuncian...).

Unha serie de gran importancia dentro da obra de Goya son os Desastres da guerra, nela fai unha denuncia dos horrores que son consecuencias dos conflictos bélicos, a través da súa visión sobre as guerras napoleónicas na Península Ibérica. Goya non toma partido, nestas imaxes non hai honra militar, nin bos nin malos, só imaxes de extrema crueldade e violencia. Nesta altura, Goya actúa case como un reporteiro de guerra, gravando imaxes reais que sorprenden ao espectador e que o farán reflexionar.

Goya vai dar continuidade a súa labor de gravador a través dunha serie de estampas coñecidas como os Caprichos enfáticos, a través dos cales vai denunciar o regreso do absolutismo e o castigo sufrido polos liberais, moitos deles seus amigos, unha vez rematada a guerra. Seres que adoptan formas animais para acentuar a súa falta de humanidade, sacerdotes na corda frouxa ou alegorías que representan á liberdade morta, son algunhas das singulares imaxes desta etapa creativa.

No percorrido tamén comentaremos outras series de gravados presentes na colección do museo. Os Disparates son obra do Goya máis enigmático. Se os Desastres os relacionamos co cadro dos Fusilamentos do tres de maio, esta serie de estampas gardan relación directa coas Pinturas negras. Un Goya que nos traslada a un mundo escuro habitado por seres aberrantes e infernais, monstros que xorden do máis fondo do seu atormentado subconsciente e que son considerados como precursores de movementos artísticos de vangarda como o expresionismo ou o surrealismo.

Por último, a través da serie Tauromaquia comprobaremos a excelente capacidade de debuxo, de análise das formas e as composicións que converteron a Goya no mellor artista da súa época. 


* Existe a posibilidade de solicitar a realización dun obradoiro de gravado. Esta actividade está suxeita á dispoñibilidade por parte do museo. Neste caso, a duración do percorrido (visita + taller) será de 1h e 30 minutos aproximadamente. 



volver


ACHÉGATE

Visitas escolares

Percorridos educativos

INFORMACIÓN

Museo de Belas Artes da Coruña

Rua Zalaeta s/n 15002 A Coruña Tlf: 881 881700 Fax: 881 881701

contacto

Propostas educativas 2014-2015

infantil (.pdf)

primaria (.pdf)

ESO / BACH (.pdf)

Rua Zalaeta s/n 15002 A Coruña
Tlf: 881 881 700 Fax: 881 881 701
mu.belas.artes.coruna@xunta.es
© Copyright 2008-2009. Museo de Belas Artes da Coruña. Reservados todos los derechos.