Museo
buscar



A ARTE GALEGA NO MUSEO

Nivel ESO

Duración 45 min

Obxectivos

- Dar a coñecer aos alumnos á colección de arte galega dos séculos XIX e XX do Museo, coñecendo obras orixinais dalgúns dos artistas sobranceiros da plástica galega.

- Promover o respecto e valoración cara ao patrimonio cultural galego por parte dos alumnos.

- Coñecer a revolución no mundo da arte que supón o xurdimento das vangardas, e como os movementos artísticos internacionais van influír na plástica galega.

- Comprender e valorar as representacións artísticas propias da arte de vangarda e actual, achegándonos a propostas estéticas e significados diferentes aos da arte tradicional.

                                                                           Desenvolvemento da actividade

A altura da segunda metade da centuria van confluír unha serie de circunstancias que provocan que Galicia (as súas paisaxes e xentes) sexa a protagonista das obras de moitos artistas. En primeiro lugar destacamos o xurdimento dunha xeración de artistas galegos: Isidoro Brocos, Dionisio Fierros, Serafín Avendaño, os membros pertencentes á Xeración Doente (Joaquín Vaamonde, Ovidio Murguía, Jenaro Carrero...). Moitos deles van practicar o xénero pictórico, practicamente inédito en Galicia se exceptuamos a figuras como Jenaro Pérez Villaamil.

En segundo lugar, a propia evolución das tendencias artísticas permite que no século XIX os creadores poidan practicar un maior número de xéneros. Neste contexto a pintura costumista e a pintura de paisaxes van ir acadando cada vez máis importancia. Esta circunstancia leva aos nosos artistas a atopar referencias no que teñen máis preto, nas xentes e nas paisaxes de Galicia.

Por outra banda, destacamos o nacemento en Galicia -en paralelo ao que acontece noutros puntos de Europa- dunha nova conciencia de pertenza e de valoración do territorio e a cultura propia. En Galicia este proceso coñécese como Rexurdimento, sendo a figura emblemática do mesmo a poetisa Rosalía de Castro. A literatura vai, pois, á vangarda dun movemento que abrangue diversos ámbitos e que inicia a recuperación da nosa cultura e identidade en campos como a historiografía, a música, a cultura popular, o folclore e, como non, as artes plásticas.

Iniciamos o percorrido diante da obra O gaiteiro do pintor Jaspe Moscoso. Un cadro rexionalista que abre dous vieiros polos que imos continuar o noso percorrido: a paisaxe e o costumismo. Na sala 5 temos unha serie de cadros dedicados á paisaxe galega, entre os que destacan Ovidio Murguía, Imeldo Corral e, sobre todo,  Francisco Lloréns, o gran paisaxista galego do Rexionalismo.

A parte referida á cultura popular, anunciada no cadro do gaiteiro, atopámola de novo na sala 5, a través das obras de Fernando Álvarez de Sotomayor (Estudio para romaría, Estudio para comida de voda en Bergantiños) e da escultura de Francisco Asorey (Filliña). Sotomayor foi un mestre en representar as costumes e tradicións populares da nosa terra. Tanto nos seus cadros como na escultura de Asorey atopamos unha serie de elementos propios da cultura popular galega como son as romarías, os traxes e vestidos, a relixiosidade popular...

A pintura de Luís Seoane, xa na sala 6, é moi diferente á que levamos visto ata o de agora,  claramente situada na arte de vangarda. No tocante á temática, a obra de Seoane ten, en moitas ocasións, unha forte compoñente de denuncia social. É o caso de Emigrante, un cadro que nos invita a reflexionar sobre o fenómeno migratorio e sobre a diáspora galega formada por milleiros de emigrantes e de exiliados da que o mesmo Seoane formou parte.

Por outra banda, a obra de Seoane significa a culminación do proceso de renovación da plástica galega. Unha renovación que albiscamos nas obras de Laxeiro, Colmeiro e Maside. Este grupo de artistas atopa os elementos representativos e diferenciais da nosa cultura nos mundos do campo e do mar, nas tarefas cotiás que as mulleres -moitas delas viúvas de vivos que se atopaban alén mar- facían con absoluta dignidade e esforzo. Representan así a unha Galicia máis pura e sinxela, sen artificios, e o fan a través dunha linguaxe artística moderna e propia. Recollen unha tradición e a actualizan con recursos propios das vangardas.

Tanto na arte como na literatura, a creación de mundos fantásticos, moitas veces tirados do máis fondo da imaxinación e do subconsciente humano, é un recurso habitual. É o caso de Urbano LugrísEugenio F. Granell, dous artistas próximos ao movemento surrealista cuxa obra tamén está representada na colección do museo.

A parte final da visita á sala 6 resérvanos unha serie de tesouros en pequeno formato que cómpre destacar: os debuxos de Castelao, as caricaturas de Álvaro Cebreiro, a Carnavalada de Laxeiro, os gravados e as capas de Seoane, as ilustracións de Arturo Souto...

Despois deste repaso pola arte galega dos últimos cento cincuenta anos, botamos unha ollada ao panorama actual, no que temos artistas galegos que recollen éxitos no contexto estatal e internacional. Centrámonos na obra dun dos artistas galegos de maior sona na actualidade: Francisco Leiro. Tamén na planta baixa do museo atopamos outras obras de artistas  galegos que seguen a  traballar na actualidade, como é o caso de Silverio Rivas, Leopoldo Nóvoa, Roberto González, Paco Pestana... Que adoptan as diferentes linguaxes artísticas que son  compartidas por artistas con orixes moi diversas. Neste grupo de obras comprobamos os diferentes vieiros expresivos que a plástica galega presenta, introducindo así os alumnos, en certa medida, no concepto de arte actual.

volver


ACHÉGATE

Visitas escolares

Percorridos educativos

INFORMACIÓN

Museo de Belas Artes da Coruña

Rua Zalaeta s/n 15002 A Coruña Tlf: 881 881700 Fax: 881 881701

contacto

Propostas educativas 2012 - 2013

descargar .pdf

Rua Zalaeta s/n 15002 A Coruña
Tlf: 881 881 700 Fax: 881 881 701
mu.belas.artes.coruna@xunta.es
© Copyright 2008-2009. Museo de Belas Artes da Coruña. Reservados todos los derechos.