Museo
buscar



URBANO LUGRÍS GONZÁLEZ


A súa vida

Urbano Lugrís González naceu na Coruña o 28 de xaneiro de 1908. O seu pai, Manuel Lugrís Freire, foi un dos máis activos galeguistas da súa xeración; amigo íntimo de Pondal, membro fundador da Real Academia Galega en 1906, conxugou a súa condición de xurista cunha actividade intelectual e política dentro do galeguismo. A nai de Lugrís foi Concepción González, pianista e mestra, que introduce ao seu fillo no amor á música, algo que se reflicte nas creacións de Lugrís. Outras influencias para o Lugrís neno foron o seu tío Urbano González, que era pintor, e Francisco Tettamancy historiador e escritor íntimo amigo do seu pai , quen lle ensina historias e lendas celtas sobre a súa terra, tan presentes sempre no universo do pintor coruñés. El preséntalle as novelas de Xulio Verne,  importante influencia para comprender as fantasías mariñas de Lugrís.

Despois desta infancia coruñesa, Lugrís trasládase a Santiago onde fai do debuxo a súa actividade principal, e despois, en 1930, a Madrid, onde fai decorados para teatro e monicreques. É o tempo dos faladoiros de La Granja del Henar, das Misións Pedagóxicas (percorreu diversos pobos cos monicreques das misións pedagóxicas, creou escenarios e marionetas, e el mesmo interpretou a diversos personaxes.), da relación con outros intelectuais como Dieste e Lorca e do seu contacto co museo de El Prado, que tanto vai influír na súa faceta como pintor, especialmente as pinturas do Bosco, Patinir e Fra Angélico.

O artista non perde o contacto coa Coruña nesta época, durante os anos da II República era frecuente ver a Lugrís participando en faladoiros no taller do xastre e artista Luís Huici, coincidindo con Seoane, Cebreiro e Francisco Miguel, entre outros. A guerra civil suporía o final desta etapa, que culminaría coa morte e exilio de moitos compañeiros, e o principio doutra vida.

Despois da guerra viviu alternativamente en A Coruña e Vigo, levando unha vida de artista bohemio, mais chea de creatividade. O matrimonio fallido e o afastamento da familia van acentuar este modo de vida. A súa extraordinaria memoria, os contos e lendas e milleiros de anécdotas con que deleitaba aos seus amigos fixeron de Lugrís unha personaxe entrañábel e inesquecíbel nas rúas dos viños da Coruña e de Vigo. Nos anos corenta, que pasa na cidade olívica, a actividade creativa de Lugrís é intensa, non só no tocante á pintura, senón como colaborador en publicacións, nas que destaca El Pueblo Gallego. Para o mundo editorial aporta os seus extraordinarios gráficos, ademais de colaborar como escritor de prosa e de poesía; para rastrexar as súas colaboracións en prensa hai que identificalo co pseudónimo Ulyses Fingal, nome que utiliza para escribir a súa obra poética. Esta primeira etapa viguesa conclúe cunha exposición no Casino de Vigo e unha cena homenaxe no Náutico onde é recoñecido como un artista importante; cómpre lembrar que xa en 1946 expuxera nas dúas grandes cidades galegas preto de oitenta cadros, e que en 1949 faríao en Madrid, na sala Macarrón.

Se os corenta foron os anos vigueses, os cincuenta haberíalos de pasar na Coruña. Desta época destacamos  a súa faceta como muralista, da que deixa pegada en varios locais da cidade así como noutras localidades galegas, e a súa crecente importancia na creación literaria, ligada agora á revista Atlántida, da que é auténtica alma mater no seu aspecto gráfico. A amizade co escritor Avilés de Taramancos, compañeiro habitual de troula polas rúas coruñesas influiría de xeito moi notable na obra poética de Lugrís. As súas colaboracións na revista Vida Gallega tamén son notábeis.



Desde 1964, data na que abandona A Coruña para instalarse en Vigo, continúa traballar, amosando o que sempre fixo, unha grande capacidade creativa e imaxinativa, mais a súa vida persoal é agora máis desordeada, e os seus períodos depresivos van ser cada vez máis duradeiros. Lugrís morre en 1973 deixando tras de si unha extensa obra dunha grande personalidade, pois foi quen de crear un universo pictórico propio e persoal.


A súa obra

A pintura de Lugrís e única, ten un difícil encaixe estilístico e temático dentro da arte do seu tempo. Existe na súa obra unha influencia do surrealismo, aínda que el sempre se manterá á marxe dos grupos de vangarda, sobre todo na segunda metade do século XX, cando se manterá fiel en todo momento á pintura figurativa.

As visitas de xuventude ao Museo del Prado van causar nel unha fonda pegada. El Bosco, Patinir, e os pintores da Escola flamenga serán os que máis inflúan na súa obra. Deles adopta a pintura en táboa, a minuciosidade e precisión do debuxo, a pincelada fina e precisa, a riqueza cromática e o xogo de perspectivas a través da escala dos obxectos representados

Na pintura de Lugrís están presente sempre o mar, un mar fantástico, de lendas que entroncan coa mitoloxía clásica e atlántica. Os seus cadros énchense de obxectos que teñen unha connotación metafísica, que funcionan como símbolos:  alegorías mariñeiras, sereas voadoras, barcos varados na praia, enigmáticos buzos, áncoras, barcos en botella, pólipos, medusas, capitáns de barcos, etc. Tamén está moi presente nas súas pinturas iconografía musical.

A obra de Lugrís ten un vencello moi forte coa súa terra natal. A visión de Galicia que nos ofrece Lugrís hai que relacionala coas lendas mariñas e coa súa condición de finis terrae. Unha galicia máxica na que o mar que o acompaña ao longo da súa vida, estará sempre presente.

Na súa condiciónde pintor de murais, Lugrís vai repetir temáticamente o que observamos nas súas táboas, unha pintura que garda toa a frescura estilística e cromática do mellor Lugrís.. Lamentablemente, a obra de Lugrís como muralista estase a perder irremediablemente co peche ou reforma dos locais onde deixou as súas obras, moitas veces intercambiadas por aloxamento e comida. Foron moitos os murais de Lugrís, en Vigo, A Coruña, Malpica e noutras partes da xeografía galega.


Mariña surrealista

Mariña surrealista reflicte en boa medida o universo pictórico de Lugrís, representando un mundo mariño e submarino a través de elementos iconográficos cargados de simbolismo, onde está moi presente a influencia do surrealismo. Un mundo de fantasía do que abrollan multitude de elementos xurdidos directamente da extraordinaria imaxinación do autor, que nos remiten a un mundo máxico.

Baixo un ceo irreal e evocador, que vai do branco puro ao negro máis intenso, pasando por unha ampla gama de  laranxas, rosas e violetas, desenvólvese unha escena surrealista na que podemos ver unha illa misteriosa de estrañas formas que emerxe do fondo do mar, entre a area e as pucharcas. Ademais, destacan outros obxectos igualmente desconcertantes, como unha buguina, un ovo xigante, un mastro de buque... Na composición destaca a presencia dunha fermosa serea azul que aboia enriba dunha nube, atopando así acomodo fóra do seu espacio natural. Semella que o mar retirouse e deixou á vista un fondo mariño cargado de misterio, relacionado coa mitoloxía, e que transmite ao espectador un fondo sentimento de melancolía.

O feito de empregar unha táboa como soporte permítelle a Lugrís explotar a súa gran capacidade para o debuxo, acadando un  gran nivel de detalle. Así mesmo, nas táboas de Lugrís as cores acadan un brillo e unha beleza plástica especiais, conformando unha obra singular e feita cun estilo moi persoal.


volver


ACHÉGATE

Visitas escolares

Percorridos educativos

INFORMACIÓN

Museo de Belas Artes da Coruña

Rua Zalaeta s/n 15002 A Coruña Tlf: 881 881700 Fax: 881 881701

contacto

Rua Zalaeta s/n 15002 A Coruña
Tlf: 881 881 700 Fax: 881 881 701
mu.belas.artes.coruna@xunta.es
© Copyright 2008-2009. Museo de Belas Artes da Coruña. Reservados todos los derechos.