Museo
buscar



OS TRABALLOS DO MUSEO

Cando
Cando visitamos un museo, moitas veces non nos decatamos da cantidade de traballos que teñen lugar nel. O museo é unha organización complexa na que participan moitas persoas. Estes son os principais traballos do museo:

COLECCIONAR   

DOCUMENTACIÓN   

EXPOÑER    

DIFUSIÓN     

CONSERVAR      

DIRECCIÓN E ADMINISTRACIÓN


COLECCIONAR

Unha das principais tarefas dos museos é coleccionar obras de arte, que chegan ao mesmo a través de diferentes formas. As principais son:

Doazón: cando algunha persoa ou institución decide agasallar ao museo cunha peza para que sexa admirada por todos nas súas salas.

Compra: Cando os responsables do museo deciden que unha obra que está á venda (nunha galería ou a través dunha oferta privada) merece pertencer ao museo, poden solicitar e decidir a  súa compra, sempre que haxa o orzamento necesario.

Depósito: É un contrato de préstamo dunha obra ou dunha colección de obras ao museo por parte dun particular ou institución. A propiedade da peza segue a ser da persoa ou institución que deposita a peza, que será custodiada 





Subir


CATALOGAR

Cando chega unha peza nova a formar parte da colección do museo (cadro, escultura, moeda, obxecto decorativo…) hai que incluíla no rexistro e no catálogo do museo, que recolle unha morea de información sobre cada obxecto: autor, nome, data, materiais, descrición, dimensións, peso… Trátase dunha información fundamental para poder expoñer e conservar a peza en cuestión.

A cada peza correspóndelle un número diferente no rexistro, este é o número de inventario, que sirve para identificar cada obxecto da colección. Por iso, moitos dos cadros que veredes no museo teñen un número no marco ou nun canto do lenzo.

Hoxe en día, todo o proceso de catalogación realízase a través dun programa informático que se chama Domus, que é o mesmo para todos os museos.





Subir


DOCUMENTACIÓN

Ademais da información básica de cada peza ou conxunto de pezas, o museo ten que documentar a súa colección. Trátase reunir información exhaustiva que nos informe sobre a orixe, o estilo, as características, os significados e as motivacións de cada cadro, escultura, moeda…

Documentar é un traballo laborioso e complexo, no que se precisa abondosa información sobre o mundo da arte. O persoal que se dedica a documentar as pezas do museo, atopa a información necesaria na Internet e, sobre todo, nos libros. É por iso que o museo conta cunha biblioteca.


A BIBLIOTECA

A biblioteca do museo conta con milleiros de  libros de arte que están a disposición dos traballadores do museo, e tamén dos especialistas e investigadores de fóra. Os libros da biblioteca tamén están rexistrados e  ordenados, feito que facilita a súa busca. Os bibliotecarios do museo coidan, ordenan, buscan e facilitan os libros aos usuarios





Subir



EXPOÑER

Expoñer as obras da súa colección é unha das tarefas fundamentais do museo. Trátase de colocar as diferentes pezas nas salas dun xeito ordenado e coherente, para que o público entenda o que ve, aprendenda e goce da visita.

O museo fai unha escolma das pezas que considera máis significativas, atractivas e importantes, e as ordea seguindo un criterio claro: temas, datas, autores… Outros criterios importantes á hora de expoñer son o tamaño e as características da peza, as condicións de conservación que necesitan, a altura, a iluminación...

As colocación das pezas nas salas do Museo de Belas Artes seguen un criterio temático e tamén cronolóxico. Ademais, as obras dun mesmo autor, aparecen agrupadas.

Sala 1: pintura relixiosa dos séculos XVI ao XVIII

Sala 2: a pintura barroca (sec.XVII)

Sala 3: o retrato, do século XVI ao XVIII

Sala 4: arte do século XIX

Sala 5: Arte de finais do XIX e principios do XX

Sala 6: Colección de arte galega moderna

Sala Goya: Colección de gravados de Goya

Sala Sargadelos: Colección de cerámica de Sargadelos

Cada peza do museo vai acompañada da súa cartela, que inclúe unha información básica (autor, título, cronoloxía, material, forma de ingreso…). Ademais, nas salas atopamos textos “de sala” que nos explican diferentes aspectos da colección do museo.

No museo temos que diferenzar a exposición permanente das exposicións temporais. A exposición permanente é aquela que, formada por pezas do museo, amosa aos visitantes as obras principais da colección. As pezas expostas nas salas da colección permanente varían de cando en vez. Así, se visitamos o museo despois dun tempo sen facelo, podemos atoparnos con cadros ou esculturas que antes estaban na reserva.


ALMACÉNS E RESERVA

A colección do Museo de Belas Artes da Coruña conta con máis de 5.000 pezas e, obviamente, non todas entran nas salas. Así, non todas as pezas están expostas, debido ao tamaño das salas e das pezas, por motivos de coherencia da exposición, de calidade ou de problemas de conservación ou de deterioro das mesmas, moitas das pezas do museo están custodiadas na reserva, formada por grandes armarios e “peites” acondicionados para a conservación óptima dos obxectos do museo.


EXPOSICIÓNS TEMPORAIS

Ademais da exposición permanente, o museo organiza periodicamente exposicións temporais, que duran apenas uns meses e que abordan temáticas concretas: as obras dun autor, dun periodo histórico, un estilo artístico, un xénero, unha colección privada…

Algunhas destas exposicións recorren varios museos, achegando contidos moi interesantes aos públicos das diferentes cidades que visita. Outras son organizadas polo propio Museo de Belas Artes, o que supón unha morea de traballo para os técnicos que aquí traballan.

Histórico das exposicións temporais do Museo de Belas Artes





Subir



CONSERVAR

Unha das funcións principais dun museo é conservar en condicións axeitadas os obxectos que custodia. O Museo de belas Artes ten pezas moi delicadas e valiosas, moitas delas teñen centos de anos de antigüidade; é unha obriga, polo tanto, transmitir este legado que custiodamos ás xeracións futuras en óptimo estado de conservación.

A conservación require que moitos parámetros dentro das salas e da reserva estean controlados. Os principais elementos a controlar son:

A luz: hai que protexer os obxectos da luz do sol e dos raios UV. A luz do día sempre está filtrada e as lámpadas son especiais.

A temperatura: debe ser estable durante todo o día e todas as estacións do ano, nin moi alta, nin moi baixa. As salas están climatizadas

A humidade: debe ser estable, nunca excesiva. Tamén se deben evitar os ambientes demasiado secos.

Control de pragas: Hai que evitar que eses pequenos bichiños que comen papel e madeira (xilófagos) invadan as pezas. Evitar tamén a formación de mofo e, por suposto, a presenza de ratos e ratas nos almacéns.

Cada tipo de peza (lenzo, táboa, papel, metal, madeira, cartón…) require unhas condicións específicas de conservación. O papel e a pintura antiga son moi sensibles á luz, á humidade e aos cambios bruscos de temperatura.


A SEGURIDADE

A colección do museo ten un valor incalculable. Hai que ter en conta que se tratan de pezas únicas, algunhas delas creadas por artistas de altura universal. Polo tanto,a seguridade é un dos aspectos fundamentais a ter en conta nun museo. Cámaras, vixilantes, alarmas… Todo é importante para evitar que entren os ladróns, aínda que tamén hai que coidar que a xente non se achegue demasiado aos cadros e ás esculturas, pois, debido a súa fraxilidade, poden ser seriamente deteriorados polo público do museo.

No museo traballa un equipo de gardas de seguridade as vintecatro horas do días e os sete días da semana. Ademais, cando o museo está aberto ao público, o persoal da sala axuda aos visitantes a orientarse e coidan do museo para que non haxa incidencias.

No museo temos que seguir unha serie de normas básicas que aseguren a perfecta conservación da colección. As máis importantes:

- Non tocar as pezas

- Non sacar fotografías con flash

- Non comer nin beber nas salas

- Non introducir obxectos nas salas que poidan danar ás pezas (paraugas, bolsas grandes, etc.)


RESTAURAR

En ocasións, o paso do tempo fai que unha peza estea tan deteriorada que perda a súa esencia e non se poida apreciar tal e como era cando o artista a creou. Tamén pode suceder que se deteriorase de tal xeito que estea a piques de perderse para sempre.Nestes casos, o cadro, debuxo, escultura... ten que ser restaurado.

O Museo de belas Artes conta cun taller de restauración propio para desenvolver esta importante e delicada tarefa. O traballo de restauración é complexo e minuciosos, e comprende varias fases, sendo moi importante realizar unha diagnose axeitada dos males que afectan á peza antes de acometer as sucesivas fases de intervención.

Unha peza ben restaurada ten que diferenciarse a parte orixinal da parte engadida polo restaurador. Ademais, o proceso debe ser reversible.

Aquí tedes un exemplo de restauración dun cadro no Museo de Belas Artes: Virxe co neno (restauración)





Subir


DIFUSIÓN

Os museo son entidades abertas á sociedade, e están ao servizo da comunidade. Os museos contan con diferentes públicos aos que teñen que atender de xeito específico, ofeecéndolles recursos e actividades que sexan do seu agrado e interese. O departamento de difusión e o encargado de abrir o museo á sociedade, a través de diferentes inciativas e traballos.

A comunicación é un traballo fundamental dentro do museo. Comunicarse co público, ofertando as diferentes inciativas e actividades do museo, divulgando novas de interese e información relevante sobre o museo, mais tamén escoitando e atendendo as demandas da cidadanía en xeral, e dos ususarios do museo en particular. Nos últimos tempos as posibilidades de comunicación co público do museo aumentaron de xeito considerable grazas á rede, coa páxina web do museo, as listaxes de correo, etc. Ademais, xa podes atopar o Museo de Belas Artes da Coruña en Facebook, e proximamente estaremos noutras redes sociais.

O museo organiza ao longo do ano unha serie de actividades que amplían e complementan a oferta cultural do museo. Estas actividades dan vida ao museo e atraen ao mesmo a unha morea de público interesado. As actividades principais do museo son:

Concertos: Recitais de música clásica e de novas tendencias.

Cursos:  enfocados a público adulto que queira ampliar os seus coñecementos sobre diversos aspectos do mundo da arte

Talleres: teñen como obxectivo a aprendizaxe e desenvolvemento de diferentes técnicas relacionadas coas artes plásticas, en especial coa técnica do gravado.

Visitas guiadas: Mediante as cales os educadores do museo presentan a colección, un aspecto da mesma ou unha exposición temporal ao público

Actividades infantís e xuvenis: Actividades pensadas para os máis novos como obraoiros de verán, contacontos, etc.

Outras das actividades que teñen lugar no museo, de xeito máis esporádico, son cine, danza e teatro.  Unha cita importante cada 18 de maio é a celebración do día internacional dos museos e a noite dos museos.


EDUCACIÓN

Unha das principais funcións que dan sentido aos museos é a educación. No museo, ademais de deleitarnos coa observación dos cadros e esculturas, aprendemos moitas cousas sobre a arte, a historia, a cultura... O Museo de Belas Artes ten un programa educativo dirixido ás escolas, desde educación infantil a bacharelato, que programa visitas e actividades para os máis novos.

Ademais, o museo organiza visitas para adultos.





Subir


DIRECCIÓN E ADMINISTRACIÓN

Os museos son institucións grandes e complexas que precisan dun equipo de dirección e xestión. O Museo de Belas Artes organízanse seguindo unha estrutura que inclúe a dirección (a directora actual é Ángeles Penas Truque), os conservadores e técnicos encargados de cada traballo (conservación, documentación, difusión e educación). Ademais, o museo conta con bibliotecarios, restauradora, administrativos, educadores, etc. que desenvolven todos os traballos precisos para o funcionamento da institución.

Tamén temos que destacar a importancia da Asociación de Amigos do Museo. Grazas ao seu apoio, organízanse unha morea de actividades e iniciativas que doutra forma sería imposible desenvolver no Museo. Ademais, a asociación organiza as súas propias actividades culturais, como concertos, viaxes, conferencias...

Subir


ACHÉGATE

Visitas escolares

Percorridos educativos

INFORMACIÓN

Museo de Belas Artes da Coruña

Rua Zalaeta s/n 15002 A Coruña Tlf: 881 881700 Fax: 881 881701

contacto

Rua Zalaeta s/n 15002 A Coruña
Tlf: 881 881 700 Fax: 881 881 701
mu.belas.artes.coruna@xunta.es
© Copyright 2008-2009. Museo de Belas Artes da Coruña. Reservados todos los derechos.