Museo
buscar



DA ESCOLA AO MUSEO

PASO 1 –  ESPERTANDO A CURIOSIDADE

Antes da visita ao museo, unha vez que está programada e anunciada, xorden unha serie de preguntas na aula acerca dos museo en xeral, e do Museo de Belas Artes en particular. As preguntas deben ser feitas polos propios alumnos, coa axuda do mestre. 

A continuación, recollemos algunhas desas dúbidas que poden  formular os nenos e nenas :

. Que é un museo?

. Que museos existen no noso contorno?

. Cales son os traballos que se fan no museo?

. Son todos os museos iguais?

. Que tipos de museos existen?

. Que imos ver no museo de Belas Artes?

Neste primeiro paso simplemente se formulan as preguntas. As respostas irán aparecendo ao longo do desenvolvemento do proxecto.



PASO 2  - EXPLORADORES NO MUSEO

. Durante a visita ao museo, na que o alumnado descubrirá o propio edificio e tamén as coleccións, formularanse todas aquelas preguntas que teñen preparadas os nenos e nenas, anotando neste caso as respostas. Así mesmo, os educadores do museo poderán formular novas cuestións que esperten a curiosidade do alumnado, e que lles inviten a afondar e a implicarse no proxecto:

. Por que hai tantas obras de arte no museo?

. Como chegan ata aquí?

. Por que están nunha ou noutra sala?

. Como as coidamos?

Outra das actividades da visita é fixarse no nome e na obra dalgún artista en concreto. Esta actividade garda relación co PASO 4.


 

PASO 3 -  INVESTIGADORES NA ESCOLA E NA FAMILIA

Esta fase abrangue dous ámbitos. A escola e a familia.

Na escola, o alumnado terá que facer unha investigación que dea resposta as cuestións formuladas. Suxerimos que se traballen diferentes aspectos do mundo dos museos por agrupamentos. Por exemplo:

a/ os artistas: tipos de artistas (debuxantes, pintores, escultores, ceramistas, gravadores, arquitectos…), ferramentas que empregan, procesos do seu traballo…

b/ Interpretación das exposicións nos museos: marcos, cartelas, información das cartelas, textos explicativos, educadores, orde das pezas (por temas, por épocas, etc)…

c/ Tipos de museos e as súas exposicións: belas artes, arqueoloxía, ciencia, arte contemporánea

d/ Os museos do noso contorno: cales son?, onde están? Que expoñen?...

Cada grupo pode facer un cartafol, un mural, unha pequena maqueta, etc . na que se acheguen as conclusións da súa procura de información.

Na familia. Levar un pequeno cuestionario e consultar diversos aspectos á familia. Por exemplo:  Que museos coñecen? Cando foron? Que pezas recordan neles?

Poñer en común este “traballo de campo” e facer un álbum ou exposición con fotografías da familia ou sacadas de internet nas que aparezan eses museos e as súas obras senlleiras.

A familia ao museo:  Outra das ideas do proxecto e que serva de motivación para que as familias vaian cos seus fillos aos museos. Proporase que durante unha  fin de semana as familias visiten un museo do seu contorno. O alumnado porá en común a súa experiencia na aula.



PASO 4 – PEQUENOS ARTISTAS

Tras a visita ao museo e a actividade de investigación, chega a parte máis creativa do proxecto. Hai que escoller un artista, que pode ser algún dos que teñen obra no Museo de Belas Artes, algún que se traballe este ano na materia de plástica, algún polo que o alumnado ou o profesorado teña preferencia, etc.

Pódese traballar con un ou varios artistas para toda a aula, por agrupamentos ou ben individualmente.

A/ o primeiro é coñecer algunhas cousas sobre ese artistas. Algúns detalles biográficos, obras máis coñecidas, etc.

B/ Comentar, de xeito moi básico, as características da súa obra a partir de proxeccións ou impresións de cadros (ou esculturas) do artista escollido. (Se se escolle un artista representado no museo, os educadores do propio museo poden achegar información didáctica sobre o mesmo ao alumnado).

C/ Facer un debuxo, collage, peza escultórica, etc. baseada na obra do artista escollido, empregando diferentes procedementos e técnicas.



PASO 5 -  SOÑAMOS UN MUSEO

Coas diferentes creacións artísticas dos nenos e nenas, imos crear unha exposición, neste caso temporal, dentro do propio centro educativo (a aula, os corredores, algunha sala habilitada…)

Aspectos a tratar:

. Como se colocan as pezas: cadros nas paredes, obxectos pequenos en vitrinas, esculturas en peanas, etc. A altura das pezas, en paralelo, xuntalas por temas, etc.

. Un título para a obra, un pequeno texto explicativo e cada peza coa súa cartela.

. Pequenas nocións de conservación: non poñer un debuxo diante dunha xanela na que dá o sol, que o lugar de exposición non sexa moi húmido, manipular os materiais con coidado, etc.

Traballos:

A/ Facer marcos ou peanas e cartelas para as pezas da exposición.

B/ Organizar a exposición, colocando as pezas segundo un criterio establecido.

C/ traballar con outros elementos propios das exposicións, como un pequeño texto de sala, ou gravacións de voz que sirvan de audioguías, etc.



6 - INAUGURAMOS A EXPOSICIÓN

Faise unha inauguración , cada alumno explica a súa obra e se recolle en diferentes soportes (blog, murais, albums, etc) o proceso creativo e de descuberta do proxecto. As veces, nas inauguracións acode moita xente, hai discursos,  unha pequena merenda, etc. Poden participar os outros alumnos e alumnas do colexio, e tamén os pais.

As pezas quedan expostas durante un tempo determinado.

O proceso final sería desmontar os diferentes elementos que a compoñen. A través da propia Web do Museo, e tamén das redes sociais, daremos a coñecer o voso proxecto de museo na aula.

volver

ACHÉGATE

Visitas escolares

Percorridos educativos

INFORMACIÓN

Museo de Belas Artes da Coruña

Rua Zalaeta s/n 15002 A Coruña Tlf: 881 881700 Fax: 881 881701

contacto

Da escola ao museo

Presentación

Pasos

Currículo

Enlaces

Rua Zalaeta s/n 15002 A Coruña
Tlf: 881 881 700 Fax: 881 881 701
mu.belas.artes.coruna@xunta.es
© Copyright 2008-2009. Museo de Belas Artes da Coruña. Reservados todos los derechos.