Psique

O Artista

Nado en Westfalia, en 1577, Pedro Pablo Rubens foi un dos pintores europeos máis importantes de todo o século XVII. A súa obra foi moi abondosa, característica e diversa en temáticas; realizou obra relixiosa, histórica, retratística e mitolóxica. 

Rubens desfrutou dun gran éxito ao longo da súa vida. A súa pintura caracterízase pola viveza das cores, polo movemento e vitalidade das súas figuras e pola grande imaxinación que mostra á hora de narrar historias a través das súas representacións.

Traballará por encargo para distintas dinastías e familias europeas. Un dos máis importantes que recibiu foi por parte do monarca Felipe IV para á Torre da Parada. Entre 1736 e 1738, Rubens e os seus aprendices traballaron incansablemente para redecorar este pavillón de caza. A Torre de Parada fora construída no s. XVI, mais nesta época someteuse a unha importante reforma arquitectónica e artística. Felipe IV chamou a algúns dos mestres máis importantes da pintura barroca e Rubens foi o encargado de deseñar máis de sesenta escenas mitolóxicas. Realizou os bosquexos en pequenas táboas de madeira que servirían para ser reproducidos a gran formato por algúns dos seus discípulos. Un deses bosquexos é este Dédalo e o Minotauro. 

 

O Mito

Segundo o mito recollido nas Metamorfoses de Apuleio, Psique foi unha fermosísima princesa, a filla máis nova do rei de Anatolia. A súa beleza era tan deslumbrante que era adorada polos homes coma se fose unha deusa. Foi así que Afrodita, celosa de que alguén puidese competir coa súa fermosura, chamou o seu fillo Eros (chamado Cupido ou Amor polos romanos) para que lle lanzara unha frecha de amor oxidada que provocaría que Psique se namorara do home máis horrible e vil que puidese existir.

Cando Eros foi cumplir os desexos da súa nai e descubriu a beleza de Psique, ficou namorado dela inmediatamente. Eros fallou adrede o seu lanzamento e, cando Psique quedou durmida, recolleuna e levouna ao seu palacio. Eros inventouse unha fórmula para estar con Psique sen enfadar a Afrodita: a princesa pasaría o día sola no palacio e sería pola noite, ás escuras, cando puidese estar co seu amado. Deste xeito estarían xuntos mais non se poderían ver.

Psique pasaba todo o día soa e botaba moito de menos as súas irmás, foi así que lle pediu a Eros poder velas. Cando as irmás lle preguntaron como era o seu noivo Psique foi incapaz de explicarllo xa que nunca o vira. As irmás de Psique, temendo que o seu mozo fora un monstruo horrible, a animaron a descubrir a súa identidade. Esa mesma noite, Psique agardou a que Eros se durmise xunto a ela e encendeu unha lampada para observalo. Ao descubrir á tremenda beleza do máis fermoso dos deuses, Psique emocionouse de tal xeito que unha pinga de aceite da lámpada caeu sobre o peito de Eros, quen espertou alporizado e, sentíndose traizoado por Psique, abandonouna. 

Psique, desconsolada, acudiu entón a Afrodita para pedirlle que intercedera para poder recuperar o amor do seu fillo. Afrodita, chea de rancor, mandoulle a Psique realizar catro complicadas tarefas para recuperar o amor de Eros. A cuarta, a máis perigosa, consistía en baixar ao Hades para pedirlle a Perséfone, raíña do inframundo, un pouco da sua beleza, que Psique debía levar nun frasco a Afrodita. Tras realizar as tres primeiras probas, Psique encamiñouse a realizar o último e máis perigoso dos encargos.

No duro camiño aos infernos, Psique venceu moitos obstáculos, como enganar ao Can Cerbeiro dándolle un pastel de cebada, ou convencer a Caronte para que a transportase polo inframundo. Ao fin, e despois de moitos atrancos, chegou onde Perséfone quen, conmovida pola súa fazaña, accedeu a darlle un pouco da súa beleza.

Psique volveu daquelas terras co frasco para Afrodita e coa arela de recuperar o amor de Eros. Mais a súa curiosidade levoulle a abrir a caixa e tomar un pouco da beleza para si mesma; do frasco brotou un cheiro especial que provocaba o sono eterno. Psique uliu aquel aroma e quedou durmida inmediatamente.

Cando Eros soubo da aventura da sua amada e do que ela fixera por recuperar o seu amor, acudiu rapidamente canda ela, espertouna limpando o soño dos seus ollos e intercedeu ante a súa nai e Zeus, o deus de deuses, para que lle permitisen casar con Psique. Zeus accedeu aos desexos de Eros convertindo en inmortal á princesa. Afrodita reconciliouse con Psique danzando na súa voda e Psique e Eros viviron por sempre xuntos no Olimpo dos deuses.

 

A Obra

Psique representa á fermosa ninfa que foi quen de namorar a Cupido, fillo de Afrodita. Aparece representada sostendo coa man dereita o pequeno frasco que contiña a auga de xuvencia; do que saería o vapor que provocaría o seu longo letargo. Psique, cun movemento ondulante, sitúase sobre unha nube. Destacan os pregos da roupa e a dozura da faciana. Rubens representou con moita mestría en numerosísimas obras o corpo feminino.

En ocasións a figura que aparece representada nesta tablilla identificouse tamén con Aurora. Na mitoloxía romana, Aurora é a deusa que personifica o amencer; coa chegada do novo día Aurora voa através do ceo para anunciar a chegada do sol.

 


Unhas táboas moi viaxeiras

En 1710, durante a Guerra da Sucesión, a Torre de Parada resulta saqueada e incendiada, estragándose a maior parte das súas pinturas. Nese momento pérdese a pista de "Dédalo e o Minotauro" e "Psique"; os dous bosquexos realizados por Rubens cos que conta a colección do Museo.

En 1895 Dona Elvira Arévalo Gener, coruñesa residente en Madrid, légaas como fondos á Biblioteca do Consulado da Coruña coa intención de que formen parte da colección dun futuro Museo de Belas Artes da Coruña, que naquela época comezaba a xerarse. A partir de 1946 as obras expóñense no Museo, no antigo edificio do Consulado. Alí pasaron corenta anos sendo contempladas polo público da cidade ata que, o 16 de setembro de 1985, un visitante do museo rouba os cadros e desaparece misteriosamente. Unha vez máis os cadros inician unha viaxe, desta volta nun percorrido que os levará a Suecia, onde aparece Dédalo e o Minotauro, e aos Estados Unidos, onde aparece Psique. Recuperáronse así a tempo para ser expostas no actual Museo cando se inaugurou en 1995. Desde ese día non se moveron das instalacións do Museo de Belas Artes e agardamos que non inicien unha nova viaxe. 

Videos:
Video Url: