Imaxe:

Añoranza Galaica II

Autores/as:
Cronoloxía:
1980

Díptico formado por dous lenzos. Alberto Datas realiza a serie Añoranza galaica coincidindo coa súa participación nas primeiras mostras de Atlántida, celebradas en Baiona, Vigo e Madrid entre 1980 e 1981, encontros inspirados por un desexo de consolidar a modernización da arte en Galicia e que trataban de reforzar os seus acenos estéticos de identidade, revisitando as linguaxes precedentes de determinados vanguardismos históricos para integralos no mundo actual. Pero, paradoxalmente, a sintonía máis explícita e consciente de Datas co espírito do devandito colectivo non se alcanza tanto nas obras que expón nas distintas mostras, senón en series como esta, elocuente exemplo da identidade galega que, ademais de facerse manifesta no título, materialízase formalmente a través dun expresionismo vivencial e un primitivismo instintivo localizado, non tanto no imaxinario antropolóxico galego, senón nos procesos primarios do paisaxismo, o cromatismo intuitivo, a comuñón coa natureza e o horror vacui. Non hai narración nesta serie, senón impresións directas da natureza. O cromatismo dramaticamente escuro da súa produción anterior deixa paso a un novo máis aceso a base de azuis, amarelos e verdes, cores húmidas das súas saudades galaicas, aplicados en forma de manchas de maneiras suaves, sobre as que discorren uns trazos negros como grafitis cada vez máis autónomos. O xesto do artista aparece disgregado polo azar, os volumes se desmaterializan como corpos sen órganos e nace un dinamismo a partir da tensión creada entre as liñas e as manchas de cor. Xunto ás achegas formais, outra importante singularidade desta obra para o coñecemento da traxectoria artística de Datas é o seu carácter seriado. Aínda que se trate dunha colección moi curta, de só dous exemplares, supón un testemuño máis dun recurso empregado en infinidade de ocasións ao longo da súa produción, que se suma a unha longa lista de títulos como Cabezas, Superposición, Ritmos, Huellas e tantas outras series que se desenvolven como diferentes variacións dunha mesma composición musical.

Folla técnica

Número de inventario:
6376
Materia / Soporte:
Lenzo
Contexto cultural / Estilo:
Abstracción
Autores/as:
Cronoloxía:
1980
Clasificación:
Pintura
Sala:
Procedencia:
Depósito. Familia Datas.
Medidas:
Lenzo: Altura = 195 cm; Anchura = 228 cm
Técnica:
Pintura ao óleo
Obxecto:
Cadro