Arrepentimiento de San Pedro
Folla técnica
No ano 1929 pertencía a D. Francisco Pérez Asencio ( Jerez de la Frontera), que a presentou como obra de Diego Velázquez na Exposición iberoamericana celebrada en Sevilla. Estudos posteriores de Alfonso Pérez Sánchez e Diego Angulo Íñiguez clasificárona como obra de Francisco Collantes.
EXPOSICIÓNS:
Ano 1929- 1930: Exposición Iberomericana de Sevilla. Palacio de Belas Artes, Sevilla.
Ano 2000: As bágoas de San Pedro na pintura española do Século de Ouro, Museo de Belas Artes de Bilbao
Ano 2000: As bágoas de San Pedro na pintura española do século de ouro, Museo de Belas Artes da Coruña
Obra restaurada
O laboratorio de conservación e restauración do Museo de Belas Artes levou a cabo o tratamento da obra Arrepentimento de san Pedro, unha peza do pintor barroco español Francisco Collantes, datada entre 1630 e 1656.
Neste proxecto resultou fundamental a colaboración iniciada no ano 2016 coa Universidade de Santiago de Compostela, a través da súa Unidade de Arqueometría RIAIDT (Rede de Infraestruturas de Apoio á Investigación e ao Desenvolvemento Tecnolóxico) e da Fundación Rof Codina, que fixeron posible as probas analíticas e de diagnóstico, que deron como resultado interesantes aspectos descoñecidos do lenzo, revelados mediante as radiografías nas que se amosa unha imaxe oculta.
Antes
Despois
Estado de conservación
O primeiro paso foi o diagnóstico e avaliación dos danos producidos na peza, a capa pictórica atopábase nun estado de sucidade perceptible nas tonalidades escurecidas da pintura. Ademais, destacaban faltas de pintura, deformacións, zonas erosionadas e numerosos repintes de épocas pasadas. No reverso, o lenzo presenta gran cantidade de sucidade e manchas de graxa.
O soporte tamén estaba en mal estado de conservación, cunha tea de reforzo desencolada e cunha gran costura, e un bastidor con gretas e ataque de insectos.
Proceso de restauración
O proceso de restauración iníciase en 2012 e, logo de realizar as análises do estudo técnico, comeza a intervención mediante a consolidación do soporte, tanto do lenzo como do bastidor. Elimínase a tea de reforzo, corríxense as deformacións e colócase un novo bastidor.
Na intervención da capa pictórica levouse a cabo unha limpeza da mesma, a eliminación dos repintes anteriores e a reintegración das faltas de pintura para a aplicación final dun verniz que a protexa durante as próximas décadas.
San Pedro aparece no lateral esquerdo do lenzo sentado sobre unha roca e vestido coa túnica azul verdosa e o manto ocre que a tradición relixiosa asignábanlle. Para representalo, Collantes segue o modelo creado por José de Ribe ra no século XVII para mostrar o episodio do arrepentimento de Pedro, que como narran os evanxelistas, ocorre despois de negar coñecer a Xesús a noite do seu prendemento. O santo ten as mans cruzadas nun xesto de súplica, o rostro volto cara ao ceo e bágoas nos ollos. Ao seu lado, sobre a roca aparece un dos atributos que habitualmente o acompañan, unha chave, que fai referencia á chave do Reino dos ceos que Xesús promételle. Como artista de formación tenebrista Collantes ilumina intensamente a figura do apóstolo para destacala sobre o fondo dunhas ruínas en sombra e sitúao nun das súas características paisaxes nos que o claroscuro do primeiro termo queda matizado coa apertura da paisaxe que abre a mirada cara á distancia luminosa e nos que distribúe de forma graduada arboredos de follaxe tupido, remansos de auga, penedos, troncos rotos e pequenas construcións.