Imaxe:

La fuente de Rustephan

Autores/as:
Cronoloxía:
1877[ca]-1884[ca]

Carlos de Haes nas súas viaxes por Europa tamén se establece en diferentes localidades do territorio de Bretaña como Rustephan ou Pont –Aven moi frecuentadas por artistas na segunda metade do XIX que chegaban atraídos pola natureza singular de elementos como o castelo ou a fonte de Rustephan cargados de misteriosas lendas.

Esta fonte permite identificar a obra cunha zona determinada a diferenza das numerosas representacións de elementos tan anónimos ou nimios como árbores, cercados, veredas ou barcas varadas.

Nesta pintura pódese observar o gran percorrido que Carlos de Haes fai na confección do equilibrio compositivo das súas obras desde un inicio con abertas panorámicas tardorrománticas a, amplas perspectivas onde se concatenaban sucesivas montañas que se perdían ao lonxe ou, composicións a dúas bandas con marcada horizontalidade nuns casos e fortes diagonais noutros, ata chegar a obras que mostran a importancia que ían adquirindo as técnicas pictóricas coa materia sobre as técnicas compositivas. Neste cadro coloca nun primeirísimo plano unha fonte concedendo ao restante espazo unha perspectiva baixa e compositivamente case opresora.

Tamén é esta unha obra exemplificadora desa técnica do seu último período artístico que coincide cun dos momentos máis libre da súa produción. En xeral as súas obras realizadas directamente do natural son dunha factura rápida que pretende ser fiel ao natural, atrapando eses contrastes lumínicos de zonas de luz vibrante contrapostas a outras completamente sombrías e pardas. E son eses contrastes, a base de marcadas pinceladas de empaste, os que constitúen os volumes pétreos desta fonte, parcialmente recuberta por unha húmida costra de vexetación que lle outorga ese realismo que sempre definiu á natureza representada por Carlos de Haes. Un realismo que non só abriu en España o camiño cara a ese novo estilo pictórico senón que ademais contribúe á consideración da paisaxe como un xénero artístico independente.

Folla técnica

Número de inventario:
36
Materia / Soporte:
Lenzo
Cartón
Contexto cultural / Estilo:
Realismo
Autores/as:
Cronoloxía:
1877[ca]-1884[ca]
Clasificación:
Pintura
Iconografía:
Paisaxe
Procedencia:
Depósito: Museo Nacional del Prado (17/02/1928)
Historial:

Depositado polo extinto Museo de Arte Moderna, por R. O. 17-02-1928.
EXPOSICIÓNS:
Ano 2014: Auga doce, Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Museo Centro Gaiás, Cidade da Cultura, Santiago de Compostela, 21-03-2014 a 14-09-2014.

Medidas:
Lenzo: Altura = 25,5 cm; Anchura = 33,5 cm
Técnica:
Pintura ao óleo
Obxecto:
Cadro