Imaxe:
Praderas de Villerville
Folla técnica
Número de inventario:
37
Materia / Soporte:
Lenzo
Cartón
Contexto cultural / Estilo:
Realismo
Cronoloxía:
1877[ca]
Clasificación:
Pintura
Procedencia:
Depósito: Museo Nacional del Prado (17/02/1928)
Historial:
Depositado polo extinto Museo de Arte Moderna, por R. O. 17-02-1928.
EXPOSICIÓNS:
Ano 2014: Auga doce, Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Museo Centro Gaiás, Cidade da Cultura, Santiago de Compostela, 21-03-2014 a 14-09-2014.
Medidas:
Lenzo: Altura = 24,5 cm; Anchura = 39,5 cm
Técnica:
Pintura ao óleo
Obxecto:
Cadro
Carlos de Haes xa no seu discurso de ingreso á Academia fixo alusión á supremacía da paisaxe das rexións do norte e á simbiose que se establecera no pasado entre as condicións climáticas, as paraxes naturais e o home, ademais de aludir ao gusto que sentían os pintores por expresar esa ampla conexión e, que Haes tamén recoñece sentir nos últimos anos da súa vida.
Xunto con Holanda, Francia foi o outro país onde Haes ía pintar na súa última época artística tras a morte da súa muller en 1876. Dos numerosos enclaves que plasma deste pais, Normandia e concretamente Villarville (lugar de recoñecido prestixio entre os pintores do último cuarto do século XIX) foi unha das localidades que máis atraeu o seu interese, onde permanece durante prolongadas estancias e realiza numerosos estudos tanto de paisaxes costeiras como rurais plasmando a campiña normanda como a que representa neste cadro.
Esta é unha obra moi definidora da súa etapa en Villerville, reflicte o seu interese pola indiscriminada representación de elementos que son inherentes á esencia do campo, matogueiras, arbustos e sobre todo as árbores. Ao longo da década dos anos setenta Haes vai aproximando os enfoques compositivos e a definición morfolóxica dos elementos faise máis concreta. Vai conferir ás árbores un destacado protagonismo, singularizaas ata definir a súa fisonomía permitindo nomearlles nas súas diferentes variantes de álamos, aciñeiras, freixos..., considera que contribúen a profundar no concepto verista da paisaxe.
En concreto nesta etapa de Villerville, van atraer a súa atención as formas en movemento de árbores cimbreadas polos ventos mariños, os seus troncos retorcidos e as copas fortemente inclinadas que configuran unhas composicións de marcadas diagonais como a creada pola árbore que emerxe sobre unha masa de arbustos no primeiro plano do óleo.
O artista capta maxistralmente nesta pradería a climatoloxía invernal de Villerville, ao modo que en España atrapaba os efectos lumínicos do sol estival do mediodía ou o carácter xeolóxico dos cumes rochosos. Aquí reproduce con destreza o efecto de inestabilidade ambiental xerado por unha bruma atmosférica que envolve a paisaxe, á vez que marca gradualmente a distancia mediante frías tonalidades de grises e, capta con mestría o verde frescor dunha vexetación moi saturada de humidade que acerta a salpicar con fugaces matices lumínicos.