Imaxe:
Una esclava del harén
Folla técnica
Número de inventario:
5335
Materia / Soporte:
Lenzo
Contexto cultural / Estilo:
Realismo
Cronoloxía:
ca. 1888
Clasificación:
Pintura
Procedencia:
Depósito: Museo Nacional del Prado (20/09/2005)
Historial:
Foi adquirido por Orde do 29 de febreiro de 1888.
Desde 1896 a 1990 estivo depositado na Escola de Belas Artes de San Eloy en Salamanca (Segundo se recolle en: Inv. Xeneral de Pinturas. Museo del Prado III )
Medidas:
Con marco: Altura = 109 cm; Anchura = 76,5 cm; Profundidade = 8 cm
Lenzo: Altura = 82 cm; Anchura = 47 cm
Técnica:
Pintura ao óleo
Obxecto:
Cadro
Martínez del Rincón como boa parte dos artistas da época participa da pintura de historia, o retrato e a pintura de xénero que nalgúns casos é de clara inspiración orientalista seguindo a tendencia marcada por Mariano Fortuny. Cuxo estilo, caracterizado por un gran virtuosismo técnico e un carácter preciosista e desenfadado, proxectaríase a través dun nutrido grupo de pintores que como Martín Rico lle daría unha prolongada continuidade traspasando incluso os inicios do século XX.
Este cadro de pequeno formato eleva a protagonista a unha escena cotiá ambientada nun interior de resaibo oriental ao estilo fortunyano. Nela, a escrava adquire vida propia coa súa indumentaria tipo árabe na que o pintor fai alarde dunha minuciosa descrición dos pormenores decorativos e dos accesorios de adorno.
Tamén na composición do cadro Martínez del Rincón rememóranos a fascinación que sentía Fortuny polos obxectos, que reunía no seu estudo e finalmente levaba ás súas pinturas. Así, son de comparar as curiosidades que Fortuny representa na estancia da súa obra La odalisca, coa ambientación que Martínez del Rincón desprega en La esclava del harén, para ver unha sutil analoxía non só na provisión de obxectos de marcado carácter oriental senón, as similitudes no tratamento da luz cos seus destellos e brillos sobre a cor das teas, a saturada decoración da parede ou a presenza dunha cortinaxe verde e a decoración tipo lacería da madeira.
En definitiva Martínez del Rincón segue esa tendencia que influíu a numerosos artistas e sobre a que o mesmo pintor incide en varias ocasións, segundo vemos noutra obra súa La artista, que exhibe no propio cadro, a modo de expositor museístico, unha serie de obxectos valiosos, entre os que mesmo repite a súa presenza a bandexa de cerámica esmaltada de gran tamaño que asoma parcialmente en la esclava del harén.