
Amor Durmido
O autor
Jan Erasmus Quellinus II foi un pintor de Amberes. Nos seus primeiros anos formouse no obradoiro do seu pai, o escultor Erasmus Quellinus I.
Gran colaborador de Rubens, realizou numerosos cadros para a decoración da Torre da Parada, partindo dos bosquexos do pintor. O rapto de Europa, Baco e Ariadna, A morte de Eurídice, Cupido navegando sobre un delfín, Jasón co vellocino de ouro ou A persecución das harpías son algunhas destas obras.
O Mito
Segundo o mito recollido nas Metamorfoses de Apuleio, Psique foi unha fermosísima princesa, a filla máis nova do rei de Anatolia. A súa beleza era tan deslumbrante que era adorada polos homes coma se fose unha deusa. Foi así que Afrodita, celosa de que alguén puidese competir coa súa fermosura, chamou o seu fillo Eros (chamado Cupido ou Amor polos romanos) para que lle lanzara unha frecha de amor oxidada que provocaría que Psique se namorara do home máis horrible e vil que puidese existir.
Cando Eros foi cumplir os desexos da súa nai e descubriu a beleza de Psique, ficou namorado dela inmediatamente. O deus que xogaba a namorar as persoas era agora vítima do amor. Eros fallou adrede o seu lanzamento e, cando Psique quedou durmida, recolleuna e levouna ao seu palacio. Eros inventouse unha fórmula para estar con Psique sen enfadar a Afrodita: a princesa pasaría o día sola no palacio e sería pola noite, ás escuras, cando puidese estar co seu amado. Deste xeito estarían xuntos mais non se poderían ver.
Psique pasaba todo o día soa e botaba moito de menos as súas irmás, foi así que lle pediu a Eros poder velas. Cando as irmás lle preguntaron como era o seu noivo Psique foi incapaz de explicarllo xa que nunca o vira. As irmás de Psique, temendo que o seu mozo fora un monstruo horrible, a animaron a descubrir a súa identidade. Esa mesma noite, Psique agardou a que Eros se durmise xunto a ela e encendeu unha lampada para observalo. Ao descubrir á tremenda beleza do máis fermoso dos deuses, Psique emocionouse de tal xeito que unha pinga de aceite da lámpada caeu sobre o peito de Eros, quen espertou alporizado e, sentíndose traizoado por Psique, abandonouna.
Psique, desconsolada, acudiu entón a Afrodita para pedirlle que intercedera para poder recuperar o amor do seu fillo. Afrodita, chea de rancor, mandoulle a Psique realizar catro complicadas tarefas para recuperar o amor de Eros. A cuarta, a máis perigosa, consistía en baixar ao Hades para pedirlle a Perséfone, raíña do inframundo, un pouco da sua beleza, que Psique debía levar nun frasco a Afrodita. Tras realizar as tres primeiras probas, Psique encamiñouse a realizar o último e máis perigoso dos encargos.
No duro camiño aos infernos, Psique venceu moitos obstáculos, como enganar ao Can Cerbeiro dándolle un pastel de cebada, ou convencer a Caronte para que a transportase polo inframundo. Ao fin, e despois de moitos atrancos, chegou onde Perséfone quen, conmovida pola súa fazaña, accedeu a darlle un pouco da súa beleza.
Psique volveu daquelas terras co frasco para Afrodita e coa arela de recuperar o amor de Eros. Mais a súa curiosidade levoulle a abrir a caixa e tomar un pouco da beleza para si mesma; do frasco brotou un cheiro especial que provocaba o sono eterno. Psique uliu aquel aroma e quedou durmida inmediatamente.
Cando Eros soubo da aventura da sua amada e do que ela fixera por recuperar o seu amor, acudiu rapidamente canda ela, espertouna limpando o soño dos seus ollos e intercedeu ante a súa nai e Zeus, o deus de deuses, para que lle permitisen casar con Psique. Zeus accedeu aos desexos de Eros convertindo en inmortal á princesa. Afrodita reconciliouse con Psique danzando na súa voda e Psique e Eros viviron por sempre xuntos no Olimpo dos deuses.
O Cadro
Este cadro representa o episodio no que Psique observa, baixo a luz dun candil, a fermosura do seu amado Eros. A Torre de Parada, o lugar que albergaba esta obra, sufriu un incendio durante a Guerra da Sucesión. O lenzo viuse dañado durante este feito e hoxe o que podemos observar é soamente parte do cadro orixinal. Deste xeito fáltanos a figura de Psique. O aspecto do lenzo orixinal o coñecemos a través do bosquexo realizado por Rubens nunha pequena táboa a través da cal Jan Erasmus Quellinus realizou o cadro en gran formato.