Aquiles descuberto por Ulises

O autor

Descoñecemos ao autor deste cadro, malia a súa segura pertenza ao círculo de Pedro Pablo Rubens. No século XVII era moi habitual que os grandes mestres contasen cun taller propio no que traballaban moitos colaboradores. Rubens reservaba os grandes encargos para si mesmo, outros cadros comezábaos el e despois eran rematados polos seus seguidores e, noutros casos, eran os propios discípulos os que executaban toda a obra. Algúns destes alumnos, cando alcanzaban a súa madureza, independizábanse do mestre e seguían os seus propios camiños.

Aínda que non sexa da súa propia man, nesta obra albiscamos algunhas das claves que caracterizan a pintura de Rubens, como a exquisita utilización das cores, a abundancia de personaxes na escena e a rotundidade das figuras femininas.

 

O mito

Aquiles, fillo de Peleo e da deusa mariña Tetis, é un dos heroes sobranceiros da mitoloxía grega. Aparece en moitos escritos e lendas da antigüidade, como a Ilíada de Homero, na que se nos conta a cruenta guerra de Troia.

O que aconteceu na lagoa Estíxia marcou para sempre a vida do heroe da Ilíada. Conta esta historia que sendo un bebé, a súa nai –a deusa Tetis- mergullou a Aquiles naquelas augas co fin de facelo inmortal para que ninguén lle puidera facer dano. Como era un bebé e tiña medo a que afogara, Tetis colleu ao cativo polos nocellos e introduciuno na lagoa, sen se decatar de que un dos calcañares ficara sen mollar. Este sería a partir de entón o seu punto fraco; e de aí vén o dito do “talón de Aquiles”.

Aquiles medrou, converténdose no guerreiro máis poderoso da antiga Grecia. Un home case invencíbel, un guerreiro que infundía temor e respecto aos seus inimigos. Ademais, aquela foi unha época convulsa de desordes e guerras, sendo o máis importante destes conflictos o que enfrountou a gregos con troianos.

Aquiles foi chamado á guerra de Troia, pois era considerado unha garantía para o éxito do bando grego. Tetis, que sabía por un augurio que a súa participación nesa guerra tería consecuencias tráxicas, decidiu escondelo no palacio do rei Licomedes para evitar a súa partida a Troia. Aquiles viviu un tempo nese palacio e, para non chamar a atención, fíxose pasar por unha princesa chamada Pirra. Vivindo no palacio namorouse de Deidamia, unha das fillas do rei, e con ela tivo un fillo o que chamarían Neoptolemo.

Aquiles vivía no palacio rodeado de luxos e alleo ao conflicto que azoutaba os pobos do mar Exeo. Foi deste xeito ata que os gregos comezaron a sentir a súa ausencia e comezaron a buscalo, sabedores de que a súa participación na guerra era fundamental para a victoria. Foi o máis perspicaz deles, o heroe Ulises,  o que o deu atopado.

Ulises ideou un plan para desenmascarar ao guerreiro travestido. Foi de visita coma se fose un mercader que facía unha visita de cortesía ás princesas do palacio. Así levaba un baúl cheo de agasallos para elas: alfaias, vestidos, espellos... e entre todas esas cousas introduxo o casco, a espada e o escudo de Aquiles. As princesas foron pasando unha a unha collendo o regalo que máis lle prestaba. Cando chegou a quenda de Pirra (o heroe Aquiles disfrazado) non puido resistirse ante a visión da súa armadura; colocándose o casco e agarrando a espada con forza. Foi nese intre cando Ulises agarrouno polo vestido e desenmascarouno diante de toda a corte do rei.

A Aquiles non lle quedou máis remedio que abandonar o confortable palacio e marchar con Ulises á guerra de Troia, abandonando para sempre á súa amada Deidamia. A participación de Aquiles na guerra de Troia foi heroica, sendo unha das claves da victoria dos gregos sobre os troianos.

A morte de Aquiles na guerra de Troia era un feito que a súa nai Tetis coñecía: unha vida curta e chea de gloria ou unha vida longa de mediocre existencia. O destino de Aquiles era o de converterse no guerreiro máis poderoso que a historia puidese lembrar, a costa de ter unha morte moi temperá.

Cando os gregos conseguiron superar as fortísimas murallas de Troia gracias a argucia de Ulises, que construiu o célebre cabalo de Troia, desencadeouse unha gran batalla na que o guerreiro Paris lanzou unha frecha que cravou xustamente no único punto feble de Aquiles: ese talón que a súa nai esquecera mergullar na lagoa Estixia.

 

O cadro

O ciclo mitolóxico troiano, recollido na Ilíada e na Odisea, é un dos máis representados na historia da pintura.

Neste cadro vemos a dous dos personaxes principais do mito: Aquiles e Ulises. Aquiles escóndese, por indicacións da súa nai, no palacio do rei Licomedes, facéndose pasar por unha princesa, co obxecto de non ir á guerra.

Ulises, sospeitando que Aquiles está agochado no palacio, vaino buscar, facéndose pasar por un mercader. Cando Ulises saca as súas mercancías, entre as alfaias e os vestidos aparecen un escudo, un casco e unha espada. Aquiles, adestrado desde neno e afeito á guerra, non se pode resistir a empuñar as armas e, xusto nese intre, Ulises descubre que a princesa do vestido rosa era, en realidade, o heroe da guerra de Troia.

A obra pon de manifesto a astucia de Ulises, e o destino ineludible de Aquiles como guerreiro e heroe que morrerá de xeito prematuro.