
Breve historia do museo
A iniciativa de facer un Museo de arte na Coruña xurde a finais do século XIX.
Houbo que agardar ata 1922 para asistir á creación oficial do Museo, sen un emprazamento fixo naqueles anos.
Grazas á acción de personaxes destacados como Ángel del Castillo, quen foi o primeiro director do centro, foise formando a colección do museo coa adquisición dos primeiros cadros e esculturas.
En 1938, por iniciativa do pintor Fernando Álvarez de Sotomayor, cédese parte do Edificio do Consulado do Mar para albergar a colección do Museo de Belas Artes, compartindo espazo coa Real Academia de Belas Artes e a Biblioteca do Consulado.
En 1947 o museo abre as portas ao público por vez primeira.
No edificio do Consulado a colección foi acrecentándose a través de doazóns, depósitos e adquisicións propias.
Nos anos oitenta é catalogado como Museo de titularidade estatal, e comeza a recibir un orzamento regular do Ministerio de Cultura.
Debido ao crecemento da institución, o vello edificio da rúa Panadeiras foise quedando claramente insuficiente ante a necesidade de termos na cidade un Museo moderno, que ofrecera as mellores condicións de exposición, de conservación e de seguridade.
A mañá do 16 de setembro de 1985 foron roubadas dúas obras de Rubens dunha das salas da antiga sede (finalmente recuperadas e hoxe en día expostas), deixando en evidencia que era necesario construír un novo edificio para o museo.
Decidiuse a edificación dun novo museo, moi preto de onde estaba o antigo. O encargo recaeu no prestixioso arquitecto Manuel Gallego Jorreto (que acadou o premio Nacional de Arquitectura co seu proxecto).
Entrementres, a Xunta de Galicia asumiu a xestión do museo no ano 1989, dentro do programa de cesión de competencias á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de cultura.
O novo edificio foi finalmente inaugurado en 1995. Máis de 5000 metros cadrados con todo o equipamento necesario para o desenvolvemento dun proxecto museográfico moderno. Un edificio no que se combina a arquitectura do vello convento das Capuchinas –en parte recuperado- co edificio de nova planta, no que predomina o uso do granito, o cristal e a madeira, creando así un novo fogar para unha colección que non deixou de medrar en cantidade e calidade.