A caída de Ícaro

O artista 

Jacob Peter Gowy foi un pintor flamengo que traballou con Rubens no proxecto de pintura mitolóxica para a Torre da Parada; un pavillón de caza que o rei Felipe IV tiña ás aforas de Madrid. Se ben Rubens deseñara o bosquexo para este cadro, Gowy fixo pequenas modificacións.

No Museo do Prado hai outro cadro de Gowy feito para o encargo de Torre de Parada. Trátase da obra:  “Hipómenes y Atalanta”.

 

O mito

Dédalo é, na mitoloxía grega, un grande arquitecto e constructor. Durante a súa vida fixo numerosos encargos, sobre todo para o rei de Creta, Minos. Sen dúbida o encargo máis importante que recibiu foi a construcción dun labirinto para encerrar o Minotauro.

O Minotauro era un monstro metade home metade touro. Tratábase dunha fera temible que se alimentaba de carne humana constituíndo un enorme perigo. Minos, inquedo polo dano que a besta podía causar, chamou a Dédalo para que construíse un lugar onde encerrar o monstro. O hábil artesán decidiu entón erguer un labirinto tan grande e complexo que fose prácticamente imposible saír del.

Un xoven valente chamado Teseo decidiu poñer fin á vida do temible Minotauro. A princesa de Atenas, Ariadna, namorárase profundamente do heroe e pedirá axuda a Dédalo para atopar un xeito de saír do labirinto: Teseo tiña que atar un nobelo de fío á porta do labirinto e ir desprazándose polo seu interior mentres este se desfacía. Tras derrotar o Minotauro, só tiña que ir apañando o fío seguindo exactamente o camiño contrario ao que tomara cando entrou.

Cando Minos se entera de que Dédalo axudara a Teseo e a Ariadna a saír do labirinto alporízase e castiga a Dédalo encerrándoo xunto co seu fillo Ícaro. É entón cando Dédalo trama un enxeñoso plan para escapar: construír unhas ás para saír voando. Fixándose nas ás dos paxaros, uniu pluma a pluma coa axuda de fío e cera. Saíron así voando da illa de Creta, fuxindo da ira do rei Minos. Ícaro levaba instrucións moi precisas do seu pai: non podía voar moi baixo, pois o mar podía humedecer as súas ás e darlles demasiado peso, e tampouco podían voar moi alto, pois a calor do sol podía derreter a cera que unía as plumas. Ícaro desobedeceu as indicacións do seu pai, alzou demasiado o voo achegándose perigosamente ó sol. Foi entón cando, coa calor dos raios solares, a cera que unía as plumas fundiuse facendo caer ó mar a Ícaro.

Conta a lenda que no mar Exeo, xusto no lugar onde caeu Ícaro, xurdiu unha fermosa illa onde sempre fai sol. Esa illa leva o nome de Icaria, en honra do xoven fillo de Dédalo.

 

O cadro

Na obra se representa xustamente o momento no que Ícaro está a piques de caer ó mar. Con todo o corpo retorcido nun escorzo imposible, podemos ver na súa cara a expresión do terror. Dédalo xira o corpo contemplando a traxedia.

Na beira do mar, vemos a cidade de Creta e, camiñando cara ela, dous personaxes con algo nas mans: poderían ser dous pescadores coas redes volvendo a súa casa ou podería tratarse dos propios Dédalo e Ícaro cargando coas ás antes de votarse a voar.

Este cadro pintouse na época Barroca; un momento no que é habitual representar escenas dramáticas e cheas de tensión como vemos nesta obra.