Dédalo e o Minotauro

O artista

Nado en Westfalia, en 1577, Pedro Pablo Rubens foi un dos pintores europeos máis importantes de todo o século XVII. A súa obra foi moi abondosa, característica e diversa en temáticas; realizou obra relixiosa, histórica, retratística e mitolóxica. 

Rubens desfrutou dun gran éxito ao longo da súa vida. A súa pintura caracterízase pola viveza das cores, polo movemento e vitalidade das súas figuras e pola grande imaxinación que mostra á hora de narrar historias a través das súas representacións.

Traballará por encargo para distintas dinastías e familias europeas. Un dos máis importantes que recibiu foi por parte do monarca Felipe IV para á Torre da Parada. Entre 1736 e 1738, Rubens e os seus aprendices traballaron incansablemente para redecorar este pavillón de caza. A Torre de Parada fora construída no s. XVI, mais nesta época someteuse a unha importante reforma arquitectónica e artística. Felipe IV chamou a algúns dos mestres máis importantes da pintura barroca e Rubens foi o encargado de deseñar máis de sesenta escenas mitolóxicas. Realizou os bosquexos en pequenas táboas de madeira que servirían para ser reproducidos a gran formato por algúns dos seus discípulos. Un deses bosquexos é este Dédalo e o Minotauro. 

 

O mito

Dédalo é, na mitoloxía grega, un grande arquitecto e constructor. Durante a súa vida fixo numerosos encargos, sobre todo para o rei de Creta, Minos. Sen dúbida o encargo máis importante que recibiu foi a construcción dun labirinto para encerrar o Minotauro.

O Minotauro era un monstro metade home metade touro. Tratábase dunha fera temible que se alimentaba de carne humana constituíndo un enorme perigo. Minos, inquedo polo dano que a besta podía causar, chamou a Dédalo para que construíse un lugar onde encerrar o monstro. O hábil artesán decidiu entón erguer un labirinto tan grande e complexo que fose prácticamente imposible saír del.

Un xoven valente chamado Teseo decidiu poñer fin á vida do temible Minotauro. A princesa de Atenas, Ariadna, namorárase profundamente do heroe e pedirá axuda a Dédalo para atopar un xeito de saír do labirinto: Teseo tiña que atar un nobelo de fío á porta do labirinto e ir desprazándose polo seu interior mentres este se desfacía. Tras derrotar o Minotauro, só tiña que ir apañando o fío seguindo exactamente o camiño contrario ao que tomara cando entrou.

 

A obra

Nesta peza está representada, dun xeito nada convencional, unha escena na que vemos a figura de Dédalo e a do Minotauro. Dédalo foi o arquitecto contratado polo rei de Creta, Minos, para construir un recinto onde encerrar a terrible criatura coñecida como o Minotauro.

Dédalo aparece cos atributos da súa profesión: a escuadra e o compás. Rubens represéntao nunha actitude de total amizade co Minotauro, xa que o arquitecto pousa a súa man esquerda no lombo da besta. Dédalo está tratando de enganar o Minotauro, ao amosarlle a entrada á construcción onde quedaría atrapado. Ponse así en evidencia a superioridade da intelixencia sobre a forza bruta. O Minotauro aparece representado coa cabeza de home e o corpo de touro, ó contrario do que era habitual.  

 


Unhas táboas moi viaxeiras

En 1710, durante a Guerra da Sucesión, a Torre de Parada resulta saqueada e incendiada, estragándose a maior parte das súas pinturas. Nese momento pérdese a pista de "Dédalo e o Minotauro" e "Psique"; os dous bosquexos realizados por Rubens cos que conta a colección do Museo.

En 1895 Dona Elvira Arévalo Gener, coruñesa residente en Madrid, légaas como fondos á Biblioteca do Consulado da Coruña coa intención de que formen parte da colección dun futuro Museo de Belas Artes da Coruña, que naquela época comezaba a xerarse. A partir de 1946 as obras expóñense no Museo, no antigo edificio do Consulado. Alí pasaron corenta anos sendo contempladas polo público da cidade ata que, o 16 de setembro de 1985, un visitante do museo rouba os cadros e desaparece misteriosamente. Unha vez máis os cadros inician unha viaxe, desta volta nun percorrido que os levará a Suecia, onde aparece Dédalo e o Minotauro, e aos Estados Unidos, onde aparece Psique. Recuperáronse así a tempo para ser expostas no actual Museo cando se inaugurou en 1995. Desde ese día non se moveron das instalacións do Museo de Belas Artes e agardamos que non inicien unha nova viaxe.  

Videos:
Video Url: