
Itinerario dos obxectos
Colección - Cadro - Escultura - Museo - Obxectos - Mecenas - Personalidade - Afeccións
Os obxectos habitualmente teñen moita importancia nas nosas vidas, aínda que moitas veces estes non teñan ningún valor económico e soamente nos interesen polo seu valor sentimental. A idea de colección é fundamental para comprender como xorden os museos e permítenos traballar cos conceptos de público e privado.
Na propia colección do museo poderemos descubrir obras de distintos períodos e estilos centrándonos nos obxectos que aparecen representados. Hai outros exemplos onde os obxectos serven como atributo para identificar aos personaxes que aparecen nos cadros e, noutras ocasións, estes teñen un carácter simbólico.
Durante o itinerario tamén é interesante analizar os obxectos decorativos ou funcionais que forman parte da colección do museo: escribanías, abanos, miniaturas, mobles, moedas... e reflexionaremos sobre os seus posibles usos.
As obras da colección do museo que nos permiten analizar a representación dos obxectos na arte son moitas e distribúense por tódalas salas. Así, este itinerario permitiranos viaxar dende o século XVII ao XXI a través dos obxectos.
O punto de partida deste itinerario é o Gabinete do coleccionista, obra que nos fala do gusto, tanto sensorial coma estético e tamén do inicio das coleccións e, posteriormente, dos museos.
Nos Xogadores de cartas vemos como os obxectos definiron os oficios ao longo da historia, reparando neste caso nos mosquetes.
Os obxectos, vestiario e escenografía dos retratos están completamente codificados, polo que analizalos permítenos saber a intención do retrato e información do retratado ou retratada. No Retrato de Don Vicente Alsina, o traxe de gala indica a súa clase social.
A escribanía de Emilia Pardo Bazán volve a indicarnos a súa actividade profesional e tamén nos da información sobre os distintos avances tecnolóxicos, neste caso sobre a escritura.
As afeccións defínennos como persoas e en Armonía, Sotomayor retrata a súa filla rodeada dos seus pasatempos favoritos.
O bodegón é o xénero pictórico no que os obxectos cobran maior importancia e é o xénero que María Victoria de la Fuente máis produciu, reflexionando sobre o seu oficio como muller pintora.