Museo en Movemento

MUSEO EN MOVEMENTO é un proxecto de artes plásticas dirixido a aqueles públicos que, por causas diversas, non teñen a posibilidade de desprazarse ás instalacións do museo, polo que os contenidos trasládanse ata os seus centros. 

A Asociación de amigos do Museo de Belas Artes da Coruña, baixo a supervisión e o aval do Museo de Belas Artes, favorece así a cultura accesible e inclusiva na cidade da Coruña.

Este proxecto enmárcase no programa Cultura Accesible e Inclusiva, un programa de inclusión dirixido a favorecer a plena participación e o acceso igualitario á cultura de toda a cidadanía, promovido pola Fundación Emalcsa e o Concello da Coruña.

O proxecto ten varios galardóns, coma o Premio Excelencia ODS 2020, da Fundación Aon España e a Federación Española de Amigos de los Museos (FEAM); e no 2022, o primeiro accesit na categoría de Premio Al Mejor Proyecto Nacional na II Edición dos Premios EXPONE a las Buenas Prácticas e Innovación en Museos y Exposiciones que otorga la Asociación de Museólogos y Museógrafos de Andalucía (AMMA).


Edición 2023: A orixe dos museos

A partir de O gabinete do coleccionista, cadro realizado cara 1630 por Frans Francken, explicarase a orixe dos museos e a súa diversidade. Para iso, os participantes poderán penetrar nunha reconstrución virtual deste gabinete do século XVII, onde a educadora compartira espazo con eles para facerlles unha introdución á historia do coleccionismo e explicarlles os xéneros pictóricos representados na escena: o retrato, a pintura relixiosa, representada en cadros como a Epifanía e a Verónica; a mitoloxía, en mitos clásicos como o Xuízo de Paris, o Triunfo de Neptuno e a Dánae, ou a paisaxe, con moitos exemplos neste gabinete.

Rematada a visita, os participantes poderán realizar un taller individual consistente no deseño do seu propio gabinete de coleccionista. Para iso, se lles proporcionará un espazo virtual baleiro, que terán que decorar coas obras que escollan dentro dunha selección da colección do Museo. O resultado do seu traballo será exposto no propio museo, unha vez rematados todos os talleres.

Edición 2022: Os segredos que esconden as obras

Experiencia virtual na que se explican os cambios experimentados polas obras de arte ao longo dos séculos, así como os aspectos sociais e culturais que motivaron devanditos cambios, a través do percorrido virtual por salas do museo, que se realiza co acompañamento dunha educadora que comparte o espazo virtual cos participantes, grazas á experiencia multixogador.

Ao finalizar o percorrido, realizábase un taller de pintura, tamén virtual, e as obras resultantes foron expostas no Museo durante os meses de verán.

 

Edición 2021: Descubrir o museo

Tendo en conta as circunstancias sanitarias, Descubrir o museo fai uso da realidade virtual como ferramenta educativa.

Gracias a unhas lentes de VR realízase un percorrido virtual e inmersivo polo Museo de Belas Artes no que un curto "documental" vai amosando as instalacións interna coma os almacéns ou o laboratorio de restauración, así como ás coleccións e actividades habituais.

A visita complétase cunha maleta didáctica con diversos xogos e actividades relacionados coa experiencia virtual.

 

Edición 2020: Belas Artes ponse de moda

A historia da moda vista a través de diferentes pezas da colección do Museo de Belas Artes, descubrindo aspectos como a forma de vestir dos personaxes en función da súa posición social, as labores que desenvolvían, e dedicando unha especial atención á indumentaria popular en Galicia.

Por mor da pandemia, as visitas presenciais substituíronse por actividades virtuais, mediante videoconferencia ou tutoriais, para ás que se editou un caderno didáctico e deseñou un obradoiro específico.

 

Edición 2019: Encaixando a Luís Seoane

Centrada na obra de Luís Seoane, coincidindo co ano dedicado ao mencionado autor pola Academia de Belas Artes, a actividade consistiu no achegamento á obra do artista, a través dun itinerario virtual cunha selección de pezas e rematou cun obradoiro, deseñado e construído pola empresa de deseño gráfico e ilustración Milicia Gráfica, no que se lle daba cor a un quebracabezas de cartón que representaba obras do artista.

 

Edición 2018: As texturas na arte

Ao longo de dúas xornadas, descubríanse a historia e as curiosidades que encerran os materiais representados (e usados) nalgunhas obras do Museo: madeira, pedra, etc. para na seguinte sesión interactuar con eles estimulando os sentidos, os recordos e a creatividade.

 

Edición 2017: Museo en Movemento

A primeira edición centrábase na temática da paisaxe a través dunha selección de pezas da colección do Museo de Belas Artes. 

No caso do obradoiro, fíxose un collaxe a través dunha plantilla da obra Na fonte, de Manuel Colmeiro, que permitía traballar a memoria dos usuarios e usuarias.

Videos:
Video Url:
Video Url:
Video Url:
Video Url: