
As cores da natureza
- Reforzar as capacidades sensoriais a través dos materiais, as formas e as cores.
- Descubrir, a través da observación da obra de arte, os diferentes elementos que componen as paisaxes.
- Coñecer as diferentes ferramentas que se empregan no proceso creativo das artes plásticas.
- Promover a creatividade do alumnado partindo da temática da natureza, experimentando con diversos materiais e texturas.
- Desenvolver unha actividade creativa, didáctica e de lecer nun entorno diferente e suxestivo para os participantes como é o museo
A natureza ten unha gran relación co mundo da arte, non só como tema e fondo de inspiración dos artistas a través do xénero da paisaxe, senón tamén como fonte de recursos onde os artistas -sobre todo os escultores- atopan os materiais necesarios para a creación das súa pezas.
Nunha actividade moi flexible -dependendo da idade e das capacidades do grupo que nos visite-, tomamos a natureza como fío condutor da visita ao museo, descubrindo, observando e comentando entre todos diferentes cadros de paisaxes de diferentes épocas e estilos: Costas galegas. Ría de Mera de Lloréns, Xardíns de Cuernavaca de Arturo Souto ou a Paisaxe de Urgell.
Tamén utilizaremos neste percorrido outros cadros nos que a natureza enmarca unha acción que están a desenvolver os personaxes protagonistas do cadro, como A Caída de Ícaro, El boyero castellano ou As Mariscadoras.
Partindo da colección de escultura do museo, comprobaremos como para crealas empregamos diferentes materiais que teñen as súas propias características e técnicas: madeira (Gigante), pedra (Nú con peixe, Maternidade, metal (Nú andando), terracota (La Pulga), técnica mixta (Nora para xentís peixes...).
Para finalizar a actividade realizaremos un obradoiro na que os participantes terán que crear a súa propia paisaxe empregando diferentes elementos da natureza como algodón, barro, carbón, cortiza, follas, etc.