
Museo miúdo
-
Posibilitar unha primeira aproximación ao mundo dos museos por parte dos máis cativos
-
Estimular a imaxinación a través da observación das obras de arte
-
Descubrir, a través da observación e do xogo, as distintas situacións que agochan as obras da colección
-
Promover unha aprendizaxe significativa partindo de contidos familiares e cotiáns
-
Coñecer distintos materiais empregados na creación dunha obra artística.
Museo Miúdo é unha actividade concibida como unha primeira aproximación ao mundo dos museos por parte dos máis pequenos. Nesta visita de carácter narrativo e teatral percorreremos os distintos espazos do museo acompañados de distintos personaxes que sairán das obras de arte. Partindo das ideas previas dos nosos visitantes observaremos cadros cheos de motivos cotiáns: o mar, os animais, as plantas...
Dun xeito lúdico e participativo, descubriremos historias, coñeceremos como se fan as obras de arte e tentaremos, coa nosa imaxinación, introducirnos nalgunhas das obras máis senlleiras da colección do museo.