
A través do espello
Como se representou o corpo ao longo da Historia da Arte? É a beleza algo obxectivo? Existe un único canon? Emitimos xuízos estéticos do mesmo xeito sobre un cadro antigo que sobre unha obra contemporánea? Tiñan interese os artistas do pasado en representar a diversidade das persoas e do mundo? Ten a arte que ser fermosa?
Nestes tempos nos que a difusión da nosa propia imaxe é tan habitual e está tan comentada, ofertamos esta actividade na que poremos o foco nos xeitos nos que se representou o corpo a través dos séculos e como a difusión destas imaxes afectaron no ideal de beleza.
Partiremos das obras barrocas nas que percibimos a pervivencia do canon clásico e traballaremos con conceptos como a “vanitas”, traéndoa á nosa contemporaneidade. Observaremos como teñen cambiado as modas que, durante séculos, aprisionaron os corpos das mulleres para modelar o imposible. Comentaremos coas obras do século XX como, paseniño, se establecen pequenos cambios cara a unha maior diversidade na representación dos corpos e as realidades ata chegares aos nosos días.