Publicacións

Catálogo correspondente á exposición conmemorativa da entrega da doazón de 93 obras de arte por dona Carolina González Abad, no seu nome e no do seu marido, don Manuel Santiago Blanco, a favor da Xunta de Galicia, para a súa exposición, estudo e custodia no Museo de Belas Artes da Coruña.

Catálogo da exposición do Museo de Belas Artes da Coruña, no que se presentan máis de 150 obras, entre óleos, debuxos, acuarelas e litografías que reflicten espazos, ambientes, tendencias e manifestacións das novas formas de consumo e ocio no medio urbano entre finais do século XIX e as primeiras décadas do século XX.

Catálogo da exposición temporal de Tino Grandío celebrada no Museo de Belas Artes da Coruña. Preséntanos catro textos que fan referencia ás catro seccións nas que se estruturaba a exposición, escritos por José M. López Vázquez, Juan M. Monterroso Montero, Antonio Garrido e Miguel Fernández Cid. Tras estes textos aparecen as imaxes das obras de Grandío e outros artistas da súa época (para as contextualizarmos) ordenadas en catro seccións. Remata o catálogo coa biografía de Tino Grandío. Inclúese ao final a tradución de todos os textos ao castelán.

Guía ilustrada da exposición "María Luísa de Orleáns, unha raíña efémera". O retrato de María Luisa de Orleáns que se expón de forma permanente no Museo de Belas Artes da Coruña, serve de pretexto para a elaboración desta exposición, que trata da chegada á corte da nova soberana, esposa de Carlos II, e da súa repercusión na vida artística e cultural nun momento de máximo esplendor do barroco e da arte efémera española.

Catálogo da exposición temporal "De Picasso a Barceló: A Colección Mayoral", que conta con dúas presentacións institucionais (do conselleiro de Cultura e Turismo e do director xeral de Patrimonio Cultural), amais dunha presentación do coleccionista Manuel Mayoral e outra da directora do Museo de Belas Artes da Coruña. A continuación figura un texto do comisario, que fai un percorrido pola plástica do século XX a través dos autores que forman parte da exposición. Tras este texto aparecen as imaxes das obras dos autores, coa correspondente ficha técnica.

Catálogo da exposición temporal "A fraxilidade no tempo. O vidro na antigüidade".

Catálogo en galego da exposición A Coruña. A cidade na arte, que contén dous artigos relacionados cos contidos da exposición, xunto coa relación catalográfica de cerca de 140 obras; engádese ao final a tradución ao castelán.

Catálogo da exposición "Cultura-cultura", doazón de arte e arqueoloxía de Caja Madrid ao Museo de Montserrat.

Catálogo da exposición 'Pinceladas de realidade', montada polo Museo de Belas Artes da Coruña en 2005, sobre a obra de tres grandes pintoras, de longa traxectoria, integradas no movemento realista.