Narracións de acontecementos fantásticos, fazañas de heroes, explicacións de cuestións difíciles de comprender, símbolos de protección, ou presentacións dos diferentes deuses do panteón greco-latino, son as funcións ás que durante moitos séculos respondeu a mitoloxía, recollida nas grandes obras da literatura clásica como a Ilíada, a Odisea ou as Metamorfoses.

Ao longo da historia, a mitoloxía supón unha fonte de inspiración para os artistas, dando lugar a un xénero propio no que representar personaxes, historias e feitos extraordinarios transmitidos a través de obras literarias e da tradición oral. Este xénero foi especialmente valorado polos reis e nobres de diferentes épocas, que viron nestas historias a posibilidade de demostrar o seu poder mediante a identificación con diferentes deuses, coma a asociación da monarquía española ca figura de Hércules. Noutros casos, as historias narradas traían diferentes leccións morais, servindo como exemplo de comportamento.

En definitiva, cadros e esculturas con imaxes da mitoloxía clásica decoraron os grandes salóns e xardíns dos palacios da monarquía e da nobreza, mais tamén estaba presente en moedas, medallas ou debuxos.

Tamén forman parte deste tema as historias e lendas propias dun lugar, definitorias dunha cultura como é a cultura galega, ou tamén as diferentes imaxes e personificacións da morte.