O Museo de Belas Artes da Coruña nace en 1922 sen sede fixa ata que, en 1937, Fernando Álvarez de Sotomayor logra a cesión do edificio do Consulado do Mar, onde o arquitecto Antonio Tenreiro adaptará as instalacións ás novas funcións, abrindo o museo as súas portas en 1947.

Dende a súa inauguración oficial e ata 1995, o Museo de Belas Artes da Coruña comparte este espazo coa Real Academia de Belas Artes da Nosa Señora do Rosario e coa Biblioteca do Consulado do Mar.

Co paso do tempo, o espazo destinado ao museo faise pequeno, ademais de quedar en evidencia as carencias de seguridade tralo roubo, no ano 1985, das dúas táboas ao óleo de Peter Paul Rubens.

Este feito xustifica a necesidade de construír un novo edificio, baixo os orzamentos do Ministerio de Cultura, dos que formaba parte o Museo dende 1986 tras ser catalogado museo de titularidade estatal.