O conxunto de obxectos relacionados con Emilia Pardo Bazán, e que forman parte da colección do museo, complétase coa doazón de María Esteban-Collantes y Sandoval, no ano 1968.

Condesa Torre de Cela

Retrato de la Condesa de Torre de Cela, Joaquín Vaamonde, 1897

O retrato representa a Manuel Esteban-Collantes y Sandoval aos seus dezasete anos, nora de dona Emilia Pardo Bazán e irmá da doante das pezas. 

O artista, Joaquín Vaamonde, realizou este retrato da que foi Condesa da Torre de Cela, tralo seu matrimonio en 1916 con Jaime Quiroga y Pardo Bazán, fillo da novelista que ostentou o título de Conde de Torre de Cela.

A peza supón unha mostra da intensa actividade retratística que desenvolveu o pintor durante a súa estancia en Madrid, a finais de século.

 

Speculum

Speculum Humanae Vitae, c. 1590-1630.

Este antigo tapiz de época barroca e temática alegórica, serviu de inspiración para unha das novelas da escritora, tal como contou a propia Emilia Pardo Bazán, nunha entrevista do ano 1918:

Representa la danza macabra. Se lo compré a un yanqui que lo encontraba triste. Y vea usted, a mí su contemplación me inspiró un capítulo de "La Sirena negra"

Dona Emilia refírese ao capítulo V da súa novela de 1908, "La sirena negra", onde describe algunhas das figuras do tapiz que na narración están inmersas nunha danza da morte.

O tema central do tapiz inspírase na estampa Alegoría de la muerte, do gravador italiano Andrea Andreani (c. 1558-1629), cun completo programa iconográfico, explicado na folla técnica da peza.

 


Todos estes obxectos e outras pezas relacionadas coa vida e a época da escritora, forman parte da exposición "Legado Emilia Pardo Bazán no Museo de Belas Artes da Coruña" que pode visitarse ata o mes de marzo de 2022.

Conxunto de obxectos doados por María Esteban-Collantes y Sandoval