seoane

Luis Seoane. Óleos e álbums de estampas

De entre a gran cantidade de obras que realizou Luís Seoane, o Museo de Belas Artes da Coruña conta cun bo número de óleos e gravados, un feito que se debe á importante doazón de Maruja Seoane, viúva do artista, no ano 1993. O conxunto de obras do museo permite comprobar a súa evolución como artista, son obras de diferentes etapas a través das cales vai configurando o seu estilo.

Ademais dunha gran cantidade de óleos, entre 1937 e 1979, Luís Seoane edita preto de 60 álbums de debuxos e gravados de diversas temáticas editados en Arxentina, Alemaña e Galicia. Moitos dos seus gravados empregáronse para ilustrar libros, textos ou poemarios de personalidades próximas ao artista. Neles ensaia novas formas e recursos expresivos, destacando a autonomía da cor e os trazos, un estilo influenciado pola ilustración medieval, propia dos  códices e libros  miniados, combinado coas vangardas contemporáneas. Introduce ademais novidades como a incorporación de diferentes texturas a modo de colaxe, mediante diferentes materiais.

No Museo de  Belas Artes da Coruña consérvanse nove álbums completos, así como algunhas estampas soltas pertencentes a outras compilacións, son gravados que reflicten a denuncia social, a arte medieval, a paisaxe, os astros, ou a figuración humana, con retratos de personaxes históricos e sobre todo coa representación da muller, que encerra un gran simbolismo.

Óleos

Entre os seus óleos, destaca a importancia da figura da muller como tema, esas mulleres anónimas de diferentes ámbitos e condicións sociais.

Doutra banda, son evidentes as referencias a Galicia mediante a representación das súas paisaxes, a súa historia, os seus costumes, as súas tradicións, as súas referencias mitolóxicas e lendarias e as súas xentes. Xentes a través das que denuncia problemas sociais, entre os que destaca a emigración, un fenómeno que afectou en gran medida á poboación galega.

A constante referencia a Galicia é indispensable para entender a figura do Seoane artista e intelectual.

Álbum "Catro poemas galegos"

Trátase dun dos moitos libros ilustrados por Luis Seoane, neste caso, combinando catro escritos de Lorenzo Varela con gravados de Luis Seoane.

Os gravados representan a María Pita, Maria Balteira, Ruy Xordo e o bispo Adaulfo. Todos eles acompañados cun poema dedicado.

Luis Seoane recorre á prehistoria e ao medievalismo en moitas das súas obras, nesta ocasión a través da homenaxe a unha serie de figuras de importancia histórica para Galicia.

Álbum "O Meco"

Esta serie de once gravados en madeira narra a lenda de O Meco, un personaxe popular de O Grove famoso por seducir ás mulleres.

Esta picaresca provoca o levantamento dos veciños que, conspirando contra el, captúrano e afórcano nunha figueira do pobo.

A historia amosa a solidariedade e xustiza populares, ao presentarse un pobo unido fronte á investigación do xuíz, xa que como escribe Luis Seoane no prólogo:

¿quén matóu o meco? Pregunta o xués, e responde o pobo matámolo todos. Hay quienes afirman que Fuenteovejuna de Lope, nace de este cuento popular gallego.

 

 

Álbum "9 xilógrafos argentinos"

Álbum colectivo que contén estampas de diferentes artistas arxentinos, onde se recollen seis gravados en madeira realizados por Luís Seoane.

Este conxunto reflicte a renovación que sofre o gravado en Arxentina entre a década dos 50 e 70; son anos nos que se crean novas institucións e emerxen así novos grupos de produtores populares e gravadores. Nesta experimentación encádrase este álbum que recolle obras de Luís Seoane xunto con  Victor  Rebuffo, Américo  Balán, Carlos  Filevich, Laico Bou, Juan Grela,  Mele  Bruniard, César Miranda e Daniel  Zelaya.

Álbum "Diez xilografías para la función sagrada de los bestiarios"

Trátase dun bestiario simbólico no que describe as súas propias metáforas enlazadas co primitivismo e o medievalismo. Todo iso con animais reais e
imaxinarios que son plasmados con tinta marrón.  Estilisticamente, reflíctese a influencia do estilo  románico, con aqueles  códices e libros  miniados que trataban de recompilar todos aqueles seres que formaban parte do mundo animal. No seu bestiario, Luís Seoane recolle unha compilación de seres híbridos, farrapentos e mesmo divertidos, que forman parte do imaxinario poético gráfico e simbólico de Galicia.
 

Álbum "Intentando golpear ideas"

Seguindo a súa intencionalidade social, esta serie de gravados reflicte as loitas estudantís que tiveron lugar en Arxentina durante os anos sesenta. Un
enfrontamento entre estudantes e policías que monopolizaron as noticias daquel momento, espertando o interese e os recordos de Luís Seoane sobre
os seus anos de estudante en Compostela, durante os anos trinta.

O conxunto reúne nove  xilografías monocromas sen título que recollen diferentes situacións acaecidas durante as protestas.

Álbum "Martina Céspedes"

Esta serie de gravados responde á intención de utilidade social que tiña a arte para Luís Seoane. As vinte e catro  xilografías sen título que forman esta compilación supoñen unha homenaxe a unha heroína arxentina, Martina Céspedes, que defendeu a súa cidade ante as invasións inglesas producidas en 1807, en  Río da Prata.

Coa súa intervención no conflito converteuse nunha mítica heroína criolla da resistencia popular no imaxinario porteño, e foi nomeada Sarxento Maior do Exército con dereito a soldo e ao uso de uniforme.

Este conxunto achega moita información sobre a técnica de Seoane, xa que recolle a secuencia e o desenvolvemento da estampaxe a través das matrices dos oito gravados protagonistas. Neles móstranse unhas figuras cheas de vitalidade e configuradas con densas manchas de cor.

Álbum "El Matadero"

Esta serie de once gravados serviron para ilustrar unha nova edición do libro El matadero, escrito por Esteban Echeverría (1805-1851) entre 1838 e 1840, publicado vinte anos despois da morte do autor, no ano 1871.

El matadero é unha obra que relata os enfrontamentos entre dous bandos políticos arxentinos: os federais, que apoiaban o réxime de Juan Manuel de Rosas; fronte aos unionistas ou liberais. Echeverría comparou o terror e os actos cometidos polo goberno de Juan Manuel de Rosas cos feitos que suceden nun matadoiro durante unha carestía en época de coresma.

Nesta edición de 1974, Luis Seoane ilustra os feitos no conxunto de xilografías monocromas que amosan os enfrontamentos entre persoas e animais.