Lloréns, Francisco

Coruña (A) (m)
-
10/04/1874
Madrid (m)
-
11/02/1948

Francisco Lloréns Díaz. Realiza estudos na Escola de Comercio da Coruña, compaxinándoos coa asistencia á Escola de Artes e Oficios onde ten como mestre a Román Navarro. Como outros pintores da súa época tivo unha sólida formación académica que deixará pegada na súa pintura. Desde 1892 cursa estudos na Escola de Belas Artes de San Fernando onde tivo como profesor a Carlos de Haes. Seguindo o esquema formativo da época, incorpórase con outros alumnos ao estudo de Joaquín Sorolla. Todo isto completarase ao obter en 1900 unha bolsa de estudos con destino á Academia Española de Roma, cidade na que permanece entre 1902 e 1906 e na que comparte a vida dos seus compañeiros de xeración: Eduardo Chicharro, Manuel Benedito, Nicanor Piñole, Gustavo Bacarisas, Manuel Garnelo e Álvarez de Sotomayor. A Academia facilitaba aos pensionados as viaxes para visitar outras cidades que lles permitían coñecer os mestres do pasado e tamén as novas correntes artísticas.

Desde Roma desprazarase con Benedito a Venecia e París. Bélxica e Holanda serán tamén obxecto de interese para algúns pintores do seu grupo como Sotomayor e Benedito. En Bélxica Lloréns establecerase en Bruxas durante un tempo, pintando e estudando a tradición pictórica das escolas do norte europeo polas que sente predilección.

A influencia de todo o aprendido fará que á súa volta a España en 1907 Lloréns empece a ser consciente das peculiaridades do seu lugar de orixe, afianzándose a súa dedicación á paisaxe galega que captará e definirá a través dunha observación minuciosa.