Inauguración da exposición "Viaxar para pintar. Sorolla en Galicia"

ORGANIZA: Museo de Belas Artes da Coruña, Museo Sorolla e Fundación Museo Sorolla
PATROCINA: Dirección Xeral de Cultura. Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.
LUGAR: Salón de actos do museo
DATA: Xoves, 23 de novembro de 2023
HORA: 19:00h

Este xoves 23 de novembro de 2023, ás 19:00h, inaugúrase a mostra "Viaxar para pintar. Sorolla en Galicia", a participación galega no proxecto expositivo Sorolla. Viajar para pintar, no marco do programa "100 años del fallecimiento de Joaquín Sorolla". Dentro deste programa, o Museo Sorolla e a Fundación Museo Sorolla colaboran estreitamente con museos destacados de varias comunidades autónomas co obxectivo de trasladar a obra deste artista ao lugar no que foi creada.

Nesta ocasión, preténdese poñer en contexto as estancias que o pintor realizou en terras galegas e como estas axudaron a agrandar a súa produción artística. Así, esta mostra é unha oportunidade para poñer en valor a obra do pintor valenciano, pero tamén para relacionala coa de varios artistas galegos de principios do século XX. 

A exposición conta con máis de setenta obras entre óleos, debuxos, notas de cor e obxectos etnográficos que foron seleccionadas entre o Museo de Belas Artes da Coruña e o Museo Sorolla de Madrid.

O acto contará coa presencia do Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez González, que estará acompañado por Enrique Varela Agüí, director do Museo Sorolla; Antonio Mollá Lorente, presidente da Comisión Permanente da Fundación Museo Sorolla; Sonia Martínez Requena, comisaria da exposición e a directora do Museo de Belas Artes da Coruña, Ángeles Penas Truque. 


Para máis información: Viaxar para pintar. Sorolla en Galicia