VIAXAR PARA PINTAR. Sorolla en Galicia

23.11.2023 - 10.03.2024 -> PRORROGADA 07.04.2024
-
Museo de Belas Artes da Coruña
Organiza:
Museo Sorolla de Madrid en colaboración co Museo de Belas Artes da Coruña
Comisario:
Sonia Martínez Requena
Patrocinado:
Dirección Xeral de Cultura. Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.
Catálogo:
Si

PRORROGADA 07.04.2024

O Museo de Belas Artes da Coruña, en colaboración coa Fundación Museo Sorolla, presenta a participación galega no proxecto expositivo Sorolla. Viajar para pintar, no marco do programa “100 años del fallecimiento de Joaquín Sorolla”, un dos grandes eventos culturais do ano que conmemora o centenario do falecemento de Joaquín Sorolla y Bastida (Valencia, 1863 - Cercedilla, Madrid, 1923).

A exposición VIAXAR PARA PINTAR. Sorolla en Galicia reflicte a estadía do artista en Galicia, e complétase con obras dos artistas galegos cos que mantivo unha relación máis estreita como foron Francisco Lloréns, Fernando Álvarez de Sotomayor, María Corredoira ou Jenaro Carrero.

A mostra pode visitarse no Museo de Belas Artes da Coruña do 23 de novembro de 2023 ao 10 de marzo de 2024.

O museo ofrece visitas guiadas para público en xeral desde o mes de xaneiro de 2024. A información sobre a inscrición atópase no seguinte enlace: https://museobelasartescoruna.xunta.gal/gl/actividades/visitas-guiadas-para-publico-xeral-viaxar-para-pintar-sorolla-en-galicia

 

A exposición

VIAXAR PARA PINTAR. Sorolla en Galicia pretende poñer en contexto as estadías que o pintor realizou en terras galegas, e como estas axudaron a agrandar a súa produción artística. Así, esta mostra é unha oportunidade para poñer en valor a obra do pintor valenciano, pero tamén para relacionala coa de varios artistas galegos de principios do século XX.  

Se por algo se caracterizou a vida de Sorolla foi por levar sempre a maleta na man. Dende os seus inicios como artista comprendeu que a inspiración e a arte había que buscalas e que isto implicaba ter que desprazarse a coñecer outros lugares e persoas, para estar nos círculos adecuados e vivir experiencias ligadas a espazos concretos.

Como foron as viaxes de Sorolla a Galicia e que quedou de Galicia en Sorolla son as preguntas que buscarán responderse nesta exposición que nace dunha colaboración e investigación conxunta entre o Museo de Belas Artes da Coruña e o Museo Sorolla de Madrid. A exposición conta con máis de setenta obras entre óleos, debuxos, notas de cor e obxectos etnográficos que foron seleccionadas entre ambas institucións. Todos estes elementos expositivos permitirán contextualizar a relación do artista con Galicia, facendo fincapé tanto na súa visión das nosas paisaxes e xentes coma nas súas amistades e relacións laborais cos seus colegas galegos.

As pezas presentadas nesta exposición estrutúranse nun bloque introdutorio sobre Galicia a inicios do século pasado para continuar afondando nas diferentes viaxes á nosa terra: as primeiras estancias en 1900 e 1910 e esencialmente a visita en 1915, ano no que retorna para realizar o panel sobre Galicia encargado pola Hispanic Society de América. A exposición remata cunha serie de obras que ilustran as súas amizades e discípulos galegos.

 

Visita virtual

Visita Virtual

Acceder

 

O artista

Joaquín Sorolla Bastida (1863 - 1923) é un dos grandes mestres da pintura española de finais do século XIX e inicios do XX. Foi o pintor español de maior proxección internacional do seu tempo e unha das figuras capitais da historia da arte española no seu conxunto.

Naceu en Valencia en 1863, quedando orfo con dous anos de idade. Dende moi novo mostrou a súa afección e dotes polo debuxo e a pintura, formándose con artistas afincados na súa cidade dende moi novo e, posteriormente, en Madrid, Roma e París.

Foi en Madrid onde se instalou definitivamente, aínda que viaxou moito ao longo da súa vida. Dende esta cidade desenvolveu unha traxectoria profesional chea de éxitos, recoñecementos e exposición nacionais e internacionais. A súa pintura aborda diferentes e variados temas, sempre dende a perspectiva do naturalismo, a rapidez de captación e execución e o dominio da luz. Culmina a súa carreira cos paneis de Visión de España para a Hispanic Society de América de New York. Este foi un encargo do seu fundador, Archer Milton Huntington, quen para realizar a súa viaxe en 1892 polo norte de España e Castela, desembarcou na Coruña, onde pasaría os primeiros días, unha experiencia que recollería no seu libro Note-Book in Northern Spain publicado en 1898.

No marco deste encargo, o artista ten comentado que pintar Galicia lle supuxo un reto:  

«Creo que es Galicia el país más difícil para pintar por la variedad, por la facilidad con que todo cambia. Se me hace esto muy italiano. He visto los pintorescos mercados de Santiago, y me parecía que aquellos tipos del interior, aquellas mujeres con aquellos pañuelos a la cabeza, me iban a hablar en italiano. Es una impresión visual. Hay en Galicia mucho griego e italiano. La vida aquí no puede ser más griega. Todo es fácil. No hay frío, no hay calor, sino esa temperatura blanda, voluptuosa. Todo tiene un color clásico. Vea usted la nota clásica que dan los emparrados con sus pilas de piedra. Y todo destaca en el mar. Todo es ostentoso. Todo es soberanamente bello…».

Joaquín Sorolla en Alejandro Pérez Lugín, «La capa de Sorolla y la montera de Huntington», Heraldo de Madrid, Madrid, 23 de agosto de 1915.

 

O catálogo da exposición

O Museo de Belas Artes da Coruña presenta o catálogo da exposición "Viaxar para pintar. Sorolla en Galicia", que edita a Fundación Museo Sorolla con P&M Ediciones no marco do programa “100 años del fallecimiento de Joaquín Sorolla”, un dos grandes eventos culturais do ano que conmemora o centenario do falecemento de Joaquín Sorolla Bastida (Valencia, 1863 - Cercedilla, Madrid, 1923).

O catálogo da exposición ofrece dous ensaios: a presentación do proxecto Sorolla. Viajar para pintar a cargo de Acacia Sánchez Domínguez, técnico d Museo Sorolla, e a explicación do contido da exposición "Viaxar para pintar. Sorolla en Galicia" pola comisaria Sonia Martínez Requena, conservadora do Museo Sorolla. Complétase coa relación catalográfica das preto de 70 obras que compoñen a mostra. Inclúe un apartado da bibliografía e a tradución dos textos ao galego.

Máis información aquí

Catálogo

Videos:
Video Url: