ESPAZOS SONOROS
Espazos Sonoros volve unha edición máis cunha programación que sintetiza como nunca a valorización do patrimonio histórico, a través da súa difusión e coñecemento, e a promoción da música por medio dunha ampla programación en diferentes espazos de interese cultural.Unha programación orientada a todos os públicos e idades que xerará novamente un orixinal punto de encontro coa música e a arquitectura, nesta ocasión no Museo de Belas Artes da Coruña onde fundiránse o espazo e o son das guitarras do dúo Axioma II (Mateo Arnáiz e Javier Santaella Morales).
O dúo Axioma II fórmase en 2008, constituído polos guitarristas Mateo Arnáiz e Javier Santaella Morales. Cunha ampla carreira concertística como solistas e como dúo, os dous guitarristas coñécense en París mentres cursan estudos de posgrao na Ecole Normale de Musique de Paris Alfred Cortot, co mestre Alberto Ponce.O programa está composto fundamentalmente por obras do último disco editado polo dúo, Souvenirs de París, e propón un percorrido a través dun universo moi persoal para a guitarra con composicións do propio Mateo Arnáiz. Ademais inclúese unha obra de Sergio Assad, guitarrista, compositor e arranxista brasileiro, e outra do guitarrista francés de orixe española Rafael Andía. O programa explora diferentes rexistros expresivos, estilísticos e sonoros do instrumento, da man de dous excelentes intérpretes, achegándonos ao universo persoal, aos espazos do corazón e a memoria de Mateo Arnáiz.