
Temas da colección
Narracións de acontecementos fantásticos, fazañas de heroes, explicacións de cuestións difíciles de comprender, símbolos de protección, ou presentacións dos diferentes deuses do panteón greco-latino, son as funcións ás que durante moitos séculos respondeu a mitoloxía, recollida nas grandes obras da literatura clásica como a Ilíada, a Odisea ou as Metamorfoses.
Ao longo da historia, a mitoloxía supón unha fonte de inspiración para os artistas, dando lugar a un xénero propio no que representar personaxes, historias e feitos extraordinarios transmitidos a través de obras literarias e da tradición oral. Este xénero foi especialmente valorado polos reis e nobres de diferentes épocas, que viron nestas historias a posibilidade de demostrar o seu poder mediante a identificación con diferentes deuses, coma a asociación da monarquía española ca figura de Hércules. Noutros casos, as historias narradas traían diferentes leccións morais, servindo como exemplo de comportamento.
En definitiva, cadros e esculturas con imaxes da mitoloxía clásica decoraron os grandes salóns e xardíns dos palacios da monarquía e da nobreza, mais tamén estaba presente en moedas, medallas ou debuxos.
Tamén forman parte deste tema as historias e lendas propias dun lugar, definitorias dunha cultura como é a cultura galega, ou tamén as diferentes imaxes e personificacións da morte.
"O arte galego non é, non, faguer cousas de asunto galego [...] é preciso pintar en galego. [...]
O que compre é pintar as cousas que non se ollan nin son"
Castelao
O Século XIX
La Catedral de Saint Jacques le Mineur (Lieja),
Jenaro Pérez Villaamil, 1846
Durante o século XIX as diferentes transformacións económicas, políticas e sociais, co ascenso da burguesía como nova clase social, traen cambios no ámbito artístico, iniciándose un movemento coma o romanticismo, con novos temas e novas formas artísticas. Entre os xéneros preferidos da burguesía destaca o retrato, salientando artistas galegos coma Dionisio Fierros, onde a idealización propia do romanticismo é visible nas súas obras.
Pese a importancia do retrato, sen dúbida un dos grandes xéneros do romanticismo é a paisaxe, cunha concepción fantástica da natureza amosada nas obras do máximo representante deste movemento tanto en España, coma en Galicia: Jenaro Pérez Villaamil, con obras nas que predominan as paisaxes con motivos arquitectónicos e as vistas de interiores e exteriores de monumentos, xeralmente medievais.
O Rexionalismo
Na segunda metade do século XIX prodúcese en Galicia un movemento de renovación, liderado pola burguesía e coas súas bases ideolóxicas recollidas en obras literarias coma as de Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán, Manuel Murguía ou Alfredo Brañas. Estamos ante o nacemento do Rexionalismo.
“Los regionalistas quieren conservar lo que es privativo de su pueblo y región, lo que está en su alma y su sangre, pero esto dentro de las libertades modernas, sin renegar de la civilización actual, de la cual derivan las doctrinas que sustentan. Si somos hijos de nuestra región, lo somos también de nuestro tiempo. La misma declaración de estos derechos es un acto de libertad”.
Manuel Murguía, El regionalismo (I), en La Voz de Galicia, 19 de Febreiro de 1899
El viejo de la zanfoña, Isidoro Brocos, 1909
A literatura vai así á vangarda dun movemento que abrangue diversos ámbitos para iniciar a recuperación da cultura e identidade galega na historiografía, na música, na cultura popular, no folclore e na arte. Deste xeito, artistas coma Isidoro Brocos ou Serafín Avendaño atópanse xa dentro do movemento rexionalista, con obras que teñen a Galicia como protagonista, a través das súas paisaxes e as súas xentes.
A Xeración Doente
Nas últimas décadas do século destaca a Xeración Doente, na que se integran Ovidio Murguía, Jenaro Carrero, Ramón Parada Justel e Joaquín Vaamonde; un grupo de artistas que faleceron de tuberculose preto dos 30 anos de idade. Todos eles presentan obras propias do movemento do realismo, con preocupacións lumínicas e de execución que os achegan á pintura europea de cambios de século.
Retrato de Dña. Emilia Pardo Bazán, Joaquín Vaamonde, 1896
Pintura costumista e pintura de paisaxe
Este novo contexto do Rexionalismo permite que os artistas galegos practiquen un maior número de xéneros buscando as referencias no propio, en Galicia. Así, a pintura costumista e a pintura de paisaxes vai ir acadando cada vez máis importancia cunha iconografía baseada na paisaxe, nas súas xentes e nos acontecementos populares.
En canto á paisaxe, o máximo expoñente galego é Francisco Lloréns, cunha pintura ao aire libre, xogando coa luz, que representa esa faciana bretemosa, doce e ondulada de Galicia, esa mesma que tan ben cantara Rosalía. Xunto a Lloréns, cabe mencionar outros paisaxistas galegos como Manuel Abelenda ou José Seijo Rubio.
Estudo para Comida de Voda en Bergantiños,
Fernando Álvarez de Sotomayor, 1916
As xentes e os acontecementos populares de Galicia aparecen representados principalmente nas obras de Fernando Álvarez de Sotomayor a través de elementos propios coma as romarías, os traxes e vestidos, a relixiosidade popular..
No eido da escultura, salienta a figura de Francisco Asorey e as súas tallas que, xeralmente en madeira, presentan unha linguaxe artística próxima ao primitivismo, tendo como referencia a tradición escultórica galega que se remonta ao románico. As súas obras monumentais en madeira, bronce e pedra granítica, son imprescindibles na trama urbana de moitas cidades galegas.
Cara o cambio de século, novas tendencias
Ademais da pintura costumista e de paisaxe aparecen en Galicia novas tendencias como o simbolismo, o modernismo e temas de contido literario; movementos presentes en obras coma as de Xesús Corredoyra ou Juan Luis.
O Século XX
A comezos do século XX, diversos escritores e intelectuais galegos mantiveron ese interese por fortalecer a cultura e a literatura galega. Entre eles, atópase Castelao, quen expresou as súas ideas nacionalistas a través da escrita, pero tamén da plástica, servindo de antecedente ao gran movemento de vangarda galega.
O Movemento Renovador da Arte Galega
Nos anos 30 do século XX iníciase en Galicia unha arte diferente englobada no que chamamos Movemento Renovador da Arte Galega. Un conxunto de artistas agrupados baixo o nome de “Os Novos” ou “Os Renovadores” conxugan a tradición cultural galega coa modernidade das vangardas europeas nun intento de renovación da arte galega, que se ve interrompida pola Guerra Civil. Nomes coma Carlos Maside, Manuel Colmeiro, Manuel Torres, Arturo Souto, Laxeiro, e Luís Seoane son algúns destes novos artistas; ademais de Álvaro Cebreiro, debuxante, ilustrador e caricaturista coruñés.
A tenda, Carlos Maside, 1929
Mariscadoras, Luís Seoane, 1969
Surrealismo
Tanto na arte coma na literatura, a creación de mundos fantásticos é un recurso habitual. Este é tamén o caso de artistas galegos deste momento coma Urbano Lugrís e Eugenio F. Granell dous xenios creadores que tamén deixaron a súa pegada en obras de carácter literario.
Posguerra
O illamento da posguerra, con artistas lonxe de Galicia e outros afastados das novas correntes europeas, determinou que os artistas mozos continuasen a estética e temática dos renovadores, coma fixo Isaac Díaz Pardo. De entre as figuras femininas deste momento salienta Julia Minguillón, cunha figuración intimista, de temática sinxela e sobriedade.
Novas linguaxes
Froito dos intentos de renovación e aproximación á linguaxes internacionais, nos anos 60 e 70 chegan a Galicia experiencias abstractas como o informalismo de Manuel Mampaso, Molezún, Luís Caruncho ou Alberto Datas. Doutra banda, formas máis líricas como as de Antonio Lago Rivera, Mª Antonia Dans, Antonio Tenreiro ou Alejandro González Pascual completan a visión da arte en Galicia durante o século XX.
Rosalía, Alberto Datas, 1993
Actualidade
Na actualidade, seguen a traballar algúns artistas coma Francisco Leiro, Leopoldo Nóvoa, Roberto González ou Paco Pestana. Todos eles con obras de diferentes linguaxes artísticas que amosan os diferentes vieiros expresivos que a plástica galega presenta na arte actual.