O edificio
A sede do Museo de Belas Artes da Coruña é o resultado dun proxecto deseñado polo arquitecto Manuel Gallego Jorreto, inaugurado no ano 1995 e gañador do Premio Nacional de Arquitectura en 1997. O edificio levantouse sobre as ruínas do Convento das Capuchinas do século XVIII, rehabilitando e integrando parte do antigo edificio.
O Museo de Belas Artes da Coruña nace en 1922 sen sede fixa ata que, en 1937, Fernando Álvarez de Sotomayor logra a cesión do edificio do Consulado do Mar, onde o arquitecto Antonio Tenreiro adapta as instalacións ás novas funcións, para abrir o museo as súas portas en 1947.
Desde a súa inauguración oficial e ata 1995, o Museo de Belas Artes da Coruña comparte este espazo coa Real Academia de Belas Artes da Nosa Señora do Rosario e coa Biblioteca do Consulado do Mar.
Co paso do tempo, o espazo destinado ao museo faise pequeno, ademais de quedar en evidencia as carencias de seguridade tras o roubo, no ano 1985, das dúas táboas ao óleo de Peter Paul Rubens.
Este feito xustifica a necesidade de construír un novo edificio, sufragado polo Ministerio de Cultura, dos que formaba parte o Museo desde 1986 tras ser catalogado museo de titularidade estatal.
En 1986, o Ministerio de Cultura encarga a Manuel Gallego Jorreto o deseño dun novo edificio para o Museo de Belas Artes da Coruña, a construír no soar do antigo Convento das Capuchinas.
O mal estado do edificio en ruínas e da contorna, motivou a decisión de levantar un inmoble de nova planta, xunto coa restauración das antigas celas monacais e a conservación, no lado sur do museo, da igrexa do convento, feita por Fernando de Casas y Novoa.
As obras comezan no ano 1989 coa recuperación de parte do convento e, un ano máis tarde, iníciase o levantamento dun novo edificio que será finalmente inaugurado o 12 de decembro de 1995. Dous anos máis tarde, é galardoado co Premio Nacional de Arquitectura.
VÍDEO
Manolo Gallego comenta o edificio do Museo de Belas Artes da Coruña, dentro da exposición "DOMUSAE: Espacios para la Cultura".
O complexo museístico de máis de 5500 m2 organízase en tres grandes bloques: a zona antiga rehabilitada para acoller as seccións de cerámica e de gravado da colección; unha zona central cos espazos expositivos de nova planta, o salón de actos e unha gran zona de acollida ao visitante; e unha zona interna, destinada ás funcións de conservación e restauración, documentación, biblioteca e almacén.
SALAS DE EXPOSICIÓN PERMANENTE
Conta con seis salas distribuídas en tres plantas, máis dous espazos no recuperado Convento das Capuchinas nas que expoñen as coleccións de gravados de Goya e a colección de cerámica de Sargadelos.
SALA DE EXPOSICIÓN TEMPORAL
Espazo que conta con dúas plantas nas que expor obras de arte de formato moi diverso.
ÁREA INTERNA
No edificio de nova planta, distribúense en vertical espazos para as seguintes funcións: almacéns, accesos de persoal, control, servicios internos de mantemento, biblioteca, administración, dirección, áreas de conservadores, talleres de restauración e instalacións técnicas.
PLANTA BAIXA
Zona de control de visitantes e seguridade. Área e servizos de recepción, tenda e roupeiro. Exposición da colección de escultura contemporánea. Área de didáctica. Salón de actos con capacidade para unhas 110 persoas.



