Colección

O Museo de Belas Artes da Coruña conta cunha colección de máis de 5.000 obras coas que se reflicte a evolución artística dende o século XV ata os nosos días. Unha visión a través de pezas de pintura, escultura, debuxo, gravado, artes decorativas e arqueoloxía, entre as que predominan as dos séculos XVII e XIX e da plástica galega do século XX.

Dende o nacemento do museo en 1922, a colección vén formándose grazas ás doazóns e depósitos de particulares e institucións coma a Deputación da Coruña. Entre os doantes, destaca o nome de Elvira Arévalo Gener, que foi a primeira doazón que dá orixe ao museo; seguida de outras como a marquesa de Cavalcanti, Maruxa Seoane ou Carolina González Abad. Entre os depósitos, salientan os do Museo Nacional del Prado ou do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, ambos con renovados depósitos no ano 2018 que permiten incrementar as obras do século XX con autores galegos da posguerra.

Durante as últimas décadas, a Consellería de Cultura, baixo os orzamentos da Xunta de Galicia, aprobou as adquisicións propostas polo museo, co obxectivo de cubrir as lagoas que presentaba a colección.