Historia da colección

O Museo de Belas Artes da Coruña conta cunha colección que reflicte a evolución artística dende o século XVI ata o século XX, formada dende o seu nacemento en 1922 grazas ás doazóns e depósitos de particulares e institucións.


A orixe


A finais do século XIX comeza a iniciativa de crear un museo de arte na cidade da Coruña, unha idea da Comisión Provincial de Monumentos á que pronto se une a Academia Provincial de Belas Artes.

A primeira doazón tivo lugar en 1893 por Elvira Arévalo Gener, que con destino ao futuro museo, aportou dúas táboas pintadas por Peter Paul Rubens, ademais dun óleo de Frans Francken II.

Durante estes primeiros anos, a Academia Provincial foi a encargada de promover diversos depósitos de obras, procedentes da dispersión dos fondos do Museo Nacional de Pintura e Escultura (hoxe Museo Nacional del Prado), e do Museo de la Trinidad.


A creación do museo


En 1922 créase oficialmente o Museo Provincial de Belas Artes baixo a dirección de Ángel del Castillo López. Grazas á súa xestión, que durou ata 1937, foise formando a colección coa adquisición das primeiras obras. Ademais, comezan a chegar ao museo fondos de pintura do século XIX procedentes do desaparecido Museo de Arte Moderno de Madrid.

En 1938, Fernando Álvarez de Sotomayor, delegado de Belas Artes, logra a cesión de parte do edificio do Real Consulado do Mar e asume a dirección do museo durante un ano ata a súa volta como director ao Museo del Prado, cargo que xa tivera durante case dez anos antes da Segunda República. No edificio do Consulado a colección foi aumentando a través de doazóns e depósitos coma as obras cedidas polo Museo del Prado e do Servizo de Defensa do Patrimonio Artístico Nacional.

Co nomeamento de José Seijo Rubio como director no ano 1942 iníciase a organización e instalación dos fondos. Pese ás dificultades, a súa xestión e persistencia fixo posible a inauguración oficial e a apertura do museo ao público no ano 1947; ademais da ampliación da colección con importantes depósitos, doazóns e adquisicións.  

Neste momento, salienta o depósito por parte da Real Academia Provincial de Belas Artes da Coruña de 41 estampas da Tauromaquia de Francisco de Goya. En canto ás doazóns, cabe destacar a de María de las Nieves Quiroga y Pardo Bazán, marquesa viúva de Cavalcanti.

En 1969, Luis Quintas Goyanes é nomeado director. A súa entrega e interese, xunto a de historiadores e outras personalidades da cidade logrou, pese a precaria situación, a continuidade do centro ata os anos oitenta. Sucédense as doazóns, coma a de José Manuel Pita Andrade e Elena Calandre Díaz en 1983 de 18 estampas dos Disparates, e nese mesmo ano, a Deputación Provincial da Coruña deposita no museo 80 estampas da serie Desastres de la guerra e 80 dos Caprichos, todas elas de Francisco de Goya.


O roubo e o cambio de titularidade


En 1985, o roubo das dúas táboas de Rubens deixou en evidencia a situación do museo, motivando que o Ministerio de Cultura asuma a xestión en 1986, con Félix de la Fuente Andrés como director. Ademais, encarga a Manuel Gallego Jorreto o proxecto para a construción dun novo edificio que cumpra coas novas necesidades.

Baixo a titularidade estatal teñen lugar importantes doazóns e legados, depósitos de familiares de artistas e de institucións coma a Real Academia Galega de Belas Artes, que en 1993 deposita a serie Pinturas de Velázquez, completando a colección de estampas de Francisco de Goya. A Xunta de Galicia asume a xestión en 1989, ampliando os fondos de arte galega e incorporando as novas tendencias artísticas.

Durante a década dos noventa se crea a Asociación de Amigos do Museo de Belas Artes da Coruña, que recibirá importantes doazóns coma o Legado Luís Seoane, doado pola súa viúva, Elvira Fernández López, que se completará en 1999.


Novo edificio


Dende 1994 faise cargo da dirección do centro Ángeles Penas Truque, con sede no novo edificio, inaugurado en 1995. A partir dese momento, iníciase un Plan de Coleccións que ten como obxectivo o incremento dos fondos da colección mediante adquisicións por parte da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, depósitos que reflicten a colaboración entre o museo con outras institucións e particulares, e doazóns coma o de Carolina González Abad en 2004, amosando o compromiso de numerosos cidadáns co noso patrimonio e ca institución. O último gran depósito tivo lugar en 2018 con obras do Museo del Prado e tamén do Museo Nacional e Centro de Arte Reina Sofía.