Álvarez de Sotomayor, Pilar
Pilar Álvarez de Sotomayor e Castro (A Coruña, 1908 - Torrent, Valencia, 1993). É unha das fillas de Fernando Álvarez de Sotomayor que herdou a súa vocación pola pintura. Sendo moi pequena a familia trasládase a Santiago de Chile ata 1915, data na que retornarán a España, onde Pilar recibirá as súas primeiras clases de pintura por parte do seu pai.
Realiza a súa primeira exposición en 1927 no escaparate do comercio coruñés Casa Tizón cun cadro titulado Unha princesa eslava. Viaxa en 1932 a París para completar estudos e de volta expoñerá coas súas irmás Carmen e Rosario na Asociación de Artistas da Coruña. Máis tarde ingresa na Orde das Adoratrices na que permanecerá ata a súa morte.