Cabanas, Xaime
Jaime Francisco Lorenzo Cabanas (A Coruña, 1953-2013). É un pintor representante do expresionismo abstracto. A súa presenza no contexto artístico arrinca desde os anos setenta, período no que participa nas experiencias coruñesas de Sisga, A Carón e o colectivo A Galga. Está presente nas exposicións de Atlántica dos anos oitenta e intégrase nos contextos de dinamización coruñeses a través da iniciativa GrupOrzán, xunto con Correa Corredoira, Chelín, Pedro Muíño, Pepe Galán e César Otero.
Desde o punto de vista estilístico evolucionou desde o expresionismo cara a unha abstracción na que predomina o xesto elaborado, que recreaba a través dunha paleta dominada polos grises, negros, brancos e azuis. Especialmente interesado polas texturas, utilizou en gran medida a técnica mixta, incorporando moitas veces colaxes ás súas composicións, cuxos fondos se mostraban indefinidos e aparentemente inacabados. Cabanas sentiu predilección polos obxectos e símbolos do mundo cotián, reinterpretados a través dunha visión persoal, cargada en moitas ocasións de reflexións sobre a vida e a arte.