Castro Gil, Manuel

Lugo (l)
-
1891
Madrid (m)
-
1963

Manuel Castro Gil (Lugo, 1891 - Madrid, 1963). Ao tempo que cursa o bacharelato inicia estudos de debuxo na Escola de Artes e Oficios de Lugo. Aos dezaseis anos a Deputación Provincial de Lugo concédelle unha bolsa para formarse en Madrid onde acode á Escola Superior de Belas Artes de San Fernando, na que obtén o título de profesor de Debuxo, Pintura e Gravado. En Madrid, traballou en talleres particulares para finalmente ingresar na Fábrica Nacional da Moeda, ademais de realizar debuxos para publicacións periódicas da época como La Esfera e Blanco y Negro. A súa temática, de corte realista, imprégnase desde o inicio de aspectos románticos (paisaxes, mosteiros, castelos, ruínas, etc.) moitos deles inspirados en Galicia. Despois abandona temporalmente o seu traballo na Fábrica da Moeda e trasládase a París, cunha bolsa da Junta de Ampliación de Estudios, nesta cidade expón en 1926 nunha colectiva de augafortes na Asociación América-Latina que significou a súa consagración como gravador. Desde París diríxese a Bélxica e a outras cidades, Londres, Nova York, México, A Habana, Bos Aires, Berlín, nas que realizará numerosas mostras e certames. Desde 1934 exerceu como profesor de Gravado Artístico na Escola Nacional de Artes Gráficas onde tivo numerosos discípulos e deixou pegada entre artistas como José Gutiérrez Solana. Dominou todas as técnicas do gravado, pero destacou no augaforte e na punta seca.

Obras do/a autor/a