Chelín
José Eduardo Martínez González (Coñecido polo pseudónimo de Chelín) (A Coruña, 1945 - 2016). Chelín vive desde mozo cunha forte vinculación co mar e elixe a profesión de mariño mercante. Con todo decide cursar Belas Artes na Escola de Belas Artes de San Fernando en Madrid. Viaxará logo a París, construíndo toda unha bagaxe que estará presente na súa obra posterior. Durante os anos setenta participa na fundación dos grupos A Carón e Galga, xunto con outros artistas novos, como Pepe Galán, Mon Vasco ou Xoti de Luís. Artisticamente móvese nunha liña de vangarda e aínda que as súas obras non son rigorosamente informalistas, van tender a unha certa abstracción, sintetizando as formas naturais, con cores planas e liñas marcadas, que vai plasmar en murais, pinturas, colaxes, e gravados.