Francken II, Frans

Amberes
-
1581
Amberes
-
1642
Escola de arte:
Escola Flamenga

Frans Francken II (Anveres, 1581-1642). Nacido nunha familia de pintores, fixo a súa aprendizaxe co seu pai, Frans Francken I, pintor clasicista de grandes cadros de historia. En 1605 ingresou no Gremio de Pintores de San Lucas da súa cidade natal iniciando unha carreira que chegaría ata 1640 na que se especializou como pintor de obras de gabinete. Entre as pinturas de gabinete de Francken, hai varias dun asunto que se fixo moi popular a mediados do século XVII: o do gabinete de amateur. Este tipo de xénero aparece en Anveres a principios de século e desenvólvese alí case exclusivamente. Os seus creadores son Jan Brueghel o Vello, que o introduce para as súas alegorías dos cinco sentidos nas que inclúe pinturas e obxectos de todo xénero que se relacionan cun sentido ou outro, e Frans Francken II, que o define e popularízao na pintura flamenga. Nos primeiros cadros de gabinete de amateur de Francken, os cadros e demais obxectos do coleccionista dispóñense no primeiro plano de forma abigarrada e as figuras aparecen en último termo. En cadros posteriores, o espazo arquitectónico adquire máis importancia visual, e as figuras, máis grandes, están centradas no.

A produción de Francken II pode dividirse en catro etapas. As primeiras obras denotan a súa vinculación coa pintura e o estilo propios do século XVI, con puntos de vista altos e unha falta de cohesión nas transicións dos distintos planos. Así mesmo, utiliza cores locais, especialmente marróns, azuis e verdes. Son características as súas figuras de grandes ollos negros, logrados a través de toques de negro carbón, que se prolongarán durante toda a súa carreira.

Nunha segunda etapa, a partir de 1610, a súa paleta vaise facendo máis clara, á vez que os temas, repetidos a través de varias réplicas, procúranlle un corpus pictórico inmenso e facilmente recoñecible. É o momento da inclusión de figuras femininas estereotipadas que se repetirán ao longo da súa obra.

Nun terceiro momento, desde 1620 empezan a aparecer típicas figuras masculinas tocadas con turbantes ou gorros frrixios que introduce para dar á imaxe o desexado exotismo. A luminosidade xeral alcanza agora a súa cénit, determinando o esquema cromático da obra. Quizá polo sentido de adecuarse ás novidades, a partir de 1630 variou cara a composicións onde a cor local evolucionaría cara a tonalidades frecuentemente marróns, seguindo tanto o estilo de Rubens como o da pintura holandesa do seu momento.

Francken realizou cadros relixiosos para as igrexas de Anveres e cadros de historia de pequeno formato, pintados en táboa ou en cobre e ao tempo tamén pintaba en colaboración con outros artistas, en cuxas paisaxes ou escenas de interior pintaba as figuras, sendo habitual a súa cooperación con Joost de ­Momper II, Pieter Neefs II, ou Paul Vredeman de Vries, entre outros.

Obras do/a autor/a