Gago, Elena
Nacida en A Coruña en 1940, María Elena Fernández-Gago Díaz, autodidacta, comeza a pintar dende nena e seguirá aprendendo pola súa conta aínda que se formará en composición e colorido na Escola de Belas Artes de San Fernando e no Círculo de Belas Artes en Madrid. Durante a súa mocidade, centra o seu interese na paisaxe. Despois, pasará a representar interiores, o que se converterá no eixo de toda a súa obra. Cunha gran preocupación polos efectos lumínicos, nos seus lenzos a luz ilumina ou deixa en penumbra o mobiliario que ocupa as estancias. A maneira de aplicar a cor, con ceras e cunha técnica próxima ao puntillismo, permítelle case esvaecer o perfil dos obxectos e crear a atmósfera de silencio que caracteriza as súas composicións.