González Villar, Rafael

Coruña (A) (m)
-
06/10/1887
Coruña (A) (m)
-
11/03/1941

Rafael González Villar (A Coruña, 1887-1941). Realizou os seus estudos de Arquitectura en Madrid, obtendo unha bolsa de viaxe que lle permite percorrer o norte de Francia e Bélxica. Exerceu a súa actividade profesional na Coruña, onde realizou numerosas obras, do mesmo xeito que noutras cidades galegas.A súa obra inclúese na corrente rexionalista da época (de feito pode ser considerado un dos seus artífices xunto a Antonio Palacios, Jenaro de la Fuente Álvarez, Manuel Gómez Román e Eduardo Rodríguez Losada) e sufriu unha evolución que pode resumirse en 4 etapas:-Un primeiro período de formación (1912-1915), con proxectos de marcado carácter modernista, con obras como o Quiosco Alfonso ou o edificio de vivendas Casa Molina.-Unha segunda etapa máis ecléctica (1916-1923), inspirada no modernismo vienés e a arquitectura francesa, son exemplos o Salón Marineda de Coruña, o teatro Alfonsetti de Betanos ou a sede da empresa Castromil. Dentro da concepción monumentalista desta época inspirada en Antonio Palacios, proxectou a Escola de Comercio e o Gran Casino Hotel, ambos na Coruña.-No seu terceiro período, rexionalista-déco (1924-1931), apréciase unha fusión de elementos da arquitectura tradicional con outros de art-déco. Esta fórmula de modernización do autóctono que se apreciaba en todas as facetas da plástica (desde Carlos Maside a Castelao), reflectiuno en varias das súas obras como o chalé Companioni ou o palco da música de Betanzos.-Na súa última fase, de estilo era racionalista-déco, realizou a maior parte das súas obras na Coruña nun momento de gran auxe urbanístico e construtivo na cidade.Nesta segunda metade dos 30 son destacables os seus proxectos para cinematógrafos, con distintas variantes do art-déco, desde o máis xeométrico; como no Cinema España de Cee ou no Capitol de Betanzos, ata o máis tradicional dos cinemas do Quiosco Alfonso ou Avenida da Coruña.As características ornamentais máis representativas deste momento son o uso de bow windows (grandes xanelas que ocupan en moitas ocasións toda a fachada) e o uso de elementos de coroación nos edificios con forma de peite poligonal ou volutas; por exemplo no número 1-3 da Avenida Fisterra ou no edificio do cinema Avenida no Cantón Grande. Ao longo da súa carreira obtivo varios recoñecementos e paralelamente á súa actividade como arquitecto desenvolveu un intenso labor cultural. Recibiu a Primeira Medalla en arquitectura da Exposición Nacional de Belas Artes de 1914, foi presidente da Asociación de Arquitectos de Galicia (1914-17), da Xunta do Padroado do Museo de Belas Artes da Coruña (1923), Académico de número e Presidente da Real Academia Provincial de Belas Artes da Coruña (1927-1941), fundador da Asociación de Artistas da Coruña (1934), profesor da Escola de Artes e Oficios da Coruña e membro numerario da Real Academia Galega.Fuentes consultadas:Boletín da Real Academia Provincial de Belas Artes da nosa Señora do Rosario, ano 1949; Imprenta Sindical (A Coruña, 1950), p. 39.Gran Enciclopedia Galega. Silverio Cañada, tomo 21, O Progreso-Diario de Pontevedra, Lugo, 2003, pp. 251, 252.

Obras do/a autor/a

Nestes momentos o autor non ten obras expostas no museo.

Outras obras do/a autor/a neste museo

  • Proyecto del monumento conmemorativo del alzamiento nacional (#43 - Pintura - Cartulina, Cartón - Témpera)