Lauronce, Auguste
Auguste Lauronce (Pau, Francia, c. 1837 - Francia, 1886). Nacido en Pau (Francia) en 1837, é o menor dos oito fillos do seu pai, un axente comercial.
En 1873 atópase en París, co seu propio negocio como litógrafo e impresor, oficio que puido aprender do seu irmán Pierre-Charles, litógrafo en Bordeos. Tras o traslado da súa tenda ao Boulevard Voltaire, Lauronce coñece a Laure Prudent, veciña coa que contrae matrimonio en 1876, sendo pais de dous fillos, Maurice –falecido con tan só dous anos- e Gabrielle.
Entre 1873 e 1885, anos en que se atopa traballando en París, obtén nove patentes; ademais de demostrar o seu espírito inventivo coa creación dun proceso denominado grattomanique, explicado por el mesmo como unha maneira de ensinar a resaltar e sombrear gradualmente un debuxo. Unha das series que imprime utilizando este proceso de creación consiste en cartas de xogo nas que inclúe, nun lado, xogos de palabras humorísticos e, no outro, o significado literal da frase. Ademais destes deseños propios, realiza anuncios e tarxetas publicitarias de grandes almacéns; e especialmente, follas de abanicos.
Esta última supón a súa verdadeira preocupación: a impresión sobre diferentes tecidos, polo que crea diferentes patentes, todas elas relacionadas coa impresión en tea para o deseño de abanicos, que producirá a gran escala durante algúns anos.
Tras caer enfermo, xa viúvo, morre no ano 1886, deixando á súa filla Gabrielle, de 6 anos, ao coidado da súa familia de Bordeos. A súa imprenta mantense en funcionamento durante algúns anos, ata que se lle perde o rastro na documentación.