Lugrís Freire, Manuel
Aos vinte anos emigra a Cuba onde exerce diversos traballos de contabilidade e xornalismo, ata que en 1896 decide volver a Galicia. Instalado na Coruña relaciónase cos participantes do faladoiro que se celebraba na Librería Rexional de Carré Aldao, coñecida popularmente como Cova Céltica, un lugar de encontro das ideas máis avanzadas sobre a literatura, a cultura e a política galega. Foi un dos fundadores da Real Academia Galega, en 1906, chegando a ser o seu director. En 1922 escribe a Gramática do idioma galego e en 1923 ingresa no Seminario de Estudos Galegos. Participa nas asembleas das Irmandades da Fala e coa chegada da Segunda República, participa na redacción do anteproxecto de Estatuto de Galicia promovido polo Seminario de Estudos Galegos e na redacción dos estatutos do Partido Galeguista. Fuentes: Gran Enciclopedia Galega. Silverio Cañada, tomo 27. Lugo, O progreso-Diario de Pontevedra, 2003, pp. 78,79.