Mallo, Cristino

Tui (l)
-
23/08/1905
Madrid (m)
-
11/01/1989

Cristino Gómez González (Cristino Mallo) (Tui, Pontevedra, 1905-Madrid, 1989). Irmán de Maruja Mallo e nacido circunstancialmente en Tuy, inicia a súa traxectoria en relación cos círculos artísticos de Madrid, cidade na que vive desde o ano 1922 e na que residirá practicamente toda a súa vida. Recibe unha formación académica na Escola de Belas Artes de San Fernando e acode á Escola de Artes e Oficios onde ten como mestres a Capuz e Mateo Inurria. As realizacións do período de preguerra están ligadas ao realismo de novo cuño que se estaba xestando en Madrid. Un realismo caracterizado pola simplificación do modelado e as formas rotundas na súa figuración, como se observa na súa obra Espido con peixe, que supuxo a súa revelación como escultor e pola que obtivo en Premio Nacional de Escultura en 1933. No período da guerra civil, perde a súa praza de profesor de Artes e Oficios en Salamanca e trasládase a Madrid. O seu traballo reiníciase a mediados dos corenta. A partir de entón abandona a talla directa e o tamaño natural para centrarse na representación dunha temática que será recorrente: a maternidade, tipos populares como o sereno, o afiador, a castañera, ademais de escenas deportivas e temas infantís. Representacións de escenas cotiás plasmadas en pequeno formato, entre o bosquexo e a concreción e centradas no movemento. Pequenas escenas modeladas en barro, que logo coce ou traslada ao bronce. A súa observación céntrase no mundo cotián e a súa obra pretende plasmar unha procura esencial ao espírito moderno: o afán de captar o instantáneo e o fugaz.

Obras do/a autor/a

Outras obras do/a autor/a neste museo

  • Pésame (#5276 - Escultura - Bronce, Mármol - Fundido)
  • Rejoneador (#5277 - Escultura - Bronce, Madera - Fundido)
  • Santera (#5274 - Escultura - Bronce, Mármol - Fundido)
  • Tanagra (#5275 - Escultura - Bronce, Mármol - Fundido)