Manzano, Acisclo
Acisclo Manzano Freire (Ourense, 1940). Comeza no taller de Asorey e inicia despois un camiño en solitario interesado en dotar á escultura galega dunha nova identidade contemporánea. Destacan especialmente na súa obra os contundentes traballos en madeira, combinados ás veces co aceiro ou o cobre, realizados nos anos sesenta, cando o escultor fai a súa irrupción no panorama galego xunto aos pintores Quessada e José Luis de Dios, con quen formaba o grupo O Volter, bautizado por Vicente Risco co nome de Os artistiñas. Dende o ámbito da neofiguración, chega co tempo, a unha peculiar modalidade de figuración abstracta. Durante a década dos sesenta traballa en madeira ás veces combinada con outros materiais, como o aceiro ou o cobre. O seu traslado a Eivisa a finais dos sesenta introduce novos rumbos na súa escultura. A partir de entón traballará maioritariamente con terracota, impregnando as súas formas dunha delicadeza clasicista, con referencias a panos mollados pegados a anatomías suxestivas. Son os seus coñecidos torsos, preferentemente femininos, nos que poden asomar cabezas e leves trazos figuartivos. Formas modeladas en planos e ritmos ondulados, nas que potencia os xogos lumínicos e o movemento apoiado no uso do barro, un material maleable que acentúa o efecto de lixeireza. Con frecuencia o escultor colorea o material, normalmente en gamas de azuis ou ben mesturándoo con grafito para proporcionarlle unha alusión férrea ou aceirada. Volverá á apreciación do volume cando adopte como soporte o ferro.